EDUCACIÓN

Os gañadores segovianos do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio" visitan Santiago de Compostela

10/05/2010 Nove alumnos do IES Andrés Laguna de Segovia están en Santiago para participar en diversas actividades didácticas. Estes escolares de 4º de ESO gañaron na súa cidade a IX edición do programa educativo Coñecer as Cidades Patrimonio.

Con esta visita, os alumnos do IES Andrés Laguna devolven a visita que días atrás realizaron a Segovia os alumnos e profesores do IES de Sar, gañadores composteláns do certame. Antes, os escolares de ambos colexios pasaran por Córdoba, a cidade coordinadora desta edición, onde se realizou o encontro de todos os grupos gañadores nas respectivas cidades patrimonio.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recibiu a este grupo alumnos, acompañados por algúns dos seus profesores. Desexoulles unha feliz estanza en Compostela e felicitounos por participar nun programa como Coñecer as Cidades Patrimonio polo que supón precisamente para a posta en valor do patrimonio. Neste sentido, faloulles dun patrimonio, o Camiño de Santiago, e das actividades que en torno ao mesmo e a Europa se desenvolveron na fin de semana.

Na súa estanza en Santiago, os alumnos do colexio segoviano participan nun programa de actividades didácticas, que inclúe visitas a monumentos e exposicións.

Coñecer as Cidades Patrimonio
O Programa Coñecer as Cidades Patrimonio é convocado pola Comisión de Educación da Asociación Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que participa a cidade de Santiago de Compostela, a través da Concellería de Educación. Está constituída polas cidades de Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Salamanca, Toledo, Segovia, Tarragona, Eivissa, Cuenca, Santiago de Compostela, Córdoba, Alcalá de Henares, Cáceres, Ávila.

O obxectivo principal deste programa educativo, no que participan estudantes de ESO das 13 cidades patrimonio, é que os rapaces e rapaces coñezan máis polo miúdo os segredos que agochan estas urbes.

Cada ano unha delas é a cidade organizadora, neste caso Córdoba, mentres que as outras se agrupan en parellas para que os rapaces de cada unha delas realice un traballo sobre a outra. Despois de arduos meses de investigación, os alumnos/as obteñen como premio unha viaxe á urbe sobre a que traballaron e tamén á cidade organizadora. Nesta edición os traballos versaron sobre o espazo urbano e a memoria social.

Compartir: