ALCALDÍA

O alcalde toma a iniciativa no impulso do Plan Director da Catedral e da celebración do 800 aniversario do templo

07/05/2010 O Concello e a Catedral están pendentes da solicitude ao Ministerio de Economía e Facenda da declaración como acontecemento de excepcional interese público do 800 aniversario da consagración do templo compostelán, que se celebrará en 2011. Segundo o alcalde, este recoñecemento permitiría afrontar unha "execución delimitada no tempo" do Plan Director da Catedral.

Sánchez Bugallo indicou que, fronte á posibilidade de executar as obras do Plan Director segundo a dispoñibilidade de recursos, que dilataría as actuacións do tempo, este "financiamento extraordinario" permitiría determinar un calendario para realizalas. As exencións aparelladas a esta declaración permitiría a captación de patrocinios cos que financiar boa parte do orzamento necesario.

Manifestou o rexedor municipal o seu desexo de que o Consorcio de Santiago poida acometer este Plan 2011-2021, co obxectivo de que, neste último ano, a Catedral estea "case perfecta". Neste tipo de actuacións, dixo, "as previsións son estimativas", poñendo como exemplo a recuperación das pinturas.

Tamén estimativo é o orzamento para este Plan Director da Catedral, 24 millóns de euros, xa que "a realidade tende a ser superior". En calquera caso, incidiu no "gran servizo para Santiago, Galicia, España e a Humanidade" que sería a "recuperación e posta en valor de todos os elementos da Catedral".

Plan Estratéxico de Turismo
Sobre outro plan, neste caso o estratéxico do turismo, Sánchez Bugallo comentou que este pon de relevo "o traballo e o esforzo de Turismo de Santiago". "Os resultados saltan á vista e Santiago é hoxe un destino turístico de calidade recoñecido nacional e internacionalmente", engadiu. Con todo, destacou os grandes valores que aínda ten por explotar Compostela, expresando a súa confianza en que se sume a estes a Cidade da Cultura.

EDAR
Preguntado pola futura estación depuradora de augas residuais (EDAR), o alcalde indicou que "a responsabilidade é do Ministerio de Medio Ambiente e debe sacala a licitación xa". Aínda que lle parece "pouco elegante" que a Xunta non queira participar no financiamento desta obra, tendo en conta que "o Ministerio pon 120 millóns para unha depuradora competencia da Xunta en Vigo", insistiu na responsabilidade ministerial.

Recordou que a Xunta rexeitou a proposta de convenio formulada por Medio Ambiente, pero tamén que o Ministerio realizará unha nova proposta "máis favorable" en canto ao orzamento que tería que achegar o Goberno autonómico. "Parecerame ben calquera acordo ao que cheguen sempre que non se perda moito tempo", pero reiterou que é o Ministerio é "o que debe buscalos cartos para pagar a obra".

Fonte en San Clemente
Sánchez Bugallo tamén se referiu ao descubrimento dunha fonte en San Clemente, emprazando aos resultados das prospeccións arqueolóxicas para a toma de decisións definitivas. Recoñeceu que o achado supón "problemas complexos, pos alí é onde ía ir a zona de carga e descarga para a zona", pero tamén que "a recuperación do patrimonio é un asunto de interese xeral que debe prevalecer". Iso si, recoñeceu que o descubrimento vai supor un retraso na obra.

Eleccións na USC e fusión das caixas
Outros dous asuntos dos que falou o alcalde foron as eleccións a reitor da USC e o proceso de fusión das caixas. Sobre as primeiras, felicitou aos dous candidatos que pasan á segunda volta e reiterou a oferta de "colaboración" e de "pechar filas" con que resulte finalmente gañador. En relación ao proceso de fusión, expresou o seu desexo de que "se peche cun acordo pleno" e que este sexa "equilibrado e satisfactorio para todos".

Compartir: