FESTAS

Pop na Ascensión reúne a Sidonie, Niños Mutantes, Arizona Baby e Jonston

06/05/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o festival Pop na Ascensión, que se celebrará o venres 14 de maio, ás 22:00 horas, no Campus Sur. Este festival de balde que forma parte do programa de actividades das Festas da Ascensión, terá como protagonistas a catro grupos destacados do panorama pop español: Sidonie, Niños Mutantes, Arizona Baby e Jonston, ademais de contar coa actuación do grupo compostelán gañador da segunda edición do Certame MúsicaXove na categoría de pop, Dirty Socks como teloneiros.

Segundo Baqueiro, este festival dá continuidade á promoción e difusión que a Concellaría de Festas e Xuventude realiza cos grupos de música que tocan nos Locais Municipais de Ensaio de San Lázaro. Estes locais dispoñen de dúas salas independentes co material básico para compoñer e tocar. Os grupos musicais tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados polo departamento ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

Para dar saída comercial aos grupos convócase desde fai tres anos o Certame MúsicaXove na Sala Capitol, un concurso musical no que compiten varios grupos por categorías musicais para gravar un cd recopilatorio e unha compensación económica. Ata o momento participaron 32 grupos da área de Compostela e doutros puntos de Galicia. O seu obxectivo principal é promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos novos intérpretes. "Con esta serie de iniciativas pretendemos crear unha boa canteira de grupos musicais que convirtan a Santiago na capital galega da música emerxente, explicou o concelleiro.

Segunda final do MúsicaXove
A segunda final do Certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude, terá lugar o venres 7 de maio, ás 22:00 horas, na Sala Capitol. Competirán tres grupos na categoría de pop-rock: Belöp (Redondela), Por placer (Vigo) e Frab Fly (Santiago).

A Capitol abrirá as súas portas a partir das 21:30 horas para que todos os que queiran asistir ao concerto poidan recoller a súa entrada (de balde). O aforo completarase unha vez que se distribúan todas as localidades.

As tres bandas tocarán en directo os dous temas obrigatorios presentados na maqueta e dous temas libres a maiores. En canto ao xurado, composto por especialistas do mundo da música, valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Os seus membros son o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, en calidade de presidente; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa Francisco Villasenín; o músico Lucas Rey e, como secretaria, a técnico do Departamento de Xuventude, Noela Vilas.

O primeiro clasificado da modalidade musical recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, mentres que o segundo levará 1.000 euros e o terceiro 500. Ademais, dende a Concellaría preparan a gravación dun CD conxunto entre os gañadores de cada modalidade.

Documentos relacionados



Compartir: