ALCALDÍA

Solicitude de exencións fiscais para os mecenas do Plan Director da Catedral no 800 aniversario da súa consagración

06/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Na reunión abordaron a preparación do 800 aniversario da consagración da Catedral, que se conmemora o 21 de abril de 2011.

Segundo indicou o alcalde, Concello, Consorcio de Santiago e Arcebispado traballarán para a declaración do 800 aniversario da Consagración da Catedral como acontecemento de excepcional interese público, a efectos da concesión de exencións fiscais aos patrocinadores que colaboren nos traballos vinculados ao Plan Director da Catedral. Esta é unha das iniciativas que se porán en marcha cara a organización dunha celebración que se pretende teña unha importante programación, que inclúe dúas grandes exposicións promovidas polo Consorcio.

Os patrocinadores privados terán un papel fundamental no Plan Director da Catedral. Estimado nuns 24 millóns de euros, Sánchez Bugallo indicou que a intención é que cando menos a metade desta cantidade sexa achegada por patrocinadores privados, en cuxa captación se traballará. Malia o actual contexto económico, o alcalde afirmou que "esta era unha oportunidade que non se podía desaproveitar".

Preguntados o rexedor municipal e o arcebispo polos xornalistas sobre a axenda da visita do Papa, afirmaron estar á espera da confirmación da mesma por parte do Vaticano. Prevén que esta axenda se poida anunciar a finais deste mes de maio.

Compartir: