EDUCACIÓN

Homenaxe musical a Uxío Novoneyra da man de SonDeSeu

06/05/2010 A Concellería de Educación rende a súa particular homenaxe a Uxío Noveneyra, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, cun concerto especial no Auditorio de Galicia, o venres 14 de maio, ás 21:00 horas.

Letras Galegas 2010. Homenaxe a Uxío Novoneyra é o titulo que leva este concerto, presentado en rolda de prensa pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e polo director xeral de SonDeSeu, Rodrigo Romaní. Nesta actuación, a orquestra presentará o seu novo traballo, Barlovento.

Recordou Mercedes Rosón a colaboración que dende a Escola Municipal de Música se vén mantendo coa Escola Municipal de Música e Folk e Tradicional de Vigo, da que depende esta orquestra. De feito, recordou Rodrigo Romaní que a segunda actuación de SonDeSeu fora nuns Premios Ánxel Casal, aquí en Compostela.

SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tracición ordal da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes. As súas seccións abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

A formación naceu en 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade.

As entradas, a un prezo de dez euros, están á venda en Servinova. Tamén se venderán unha hora antes do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

Compartir: