PROMOCIÓN ECONÓMICA

A web de Promoción Económica cambia a súa estrutura e contidos para ofrecer máis e mellores servizos

05/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a nova páxina web da concellaría, www.maiscompostela.org, que está xa operativa.

A nova páxina web, caracterizada pola súa funcionabilidade, interactividade e accesibilidade é, na práctica, unha renovación da antiga web, estruturada e deseñada en torno a tres obxectivos:

• dar un máis completo servizo á cidadanía, aos comercios, ás empresas, e ás entidades que colaboran co Concellaría de Promoción Económica.

• difundir, a nivel nacional e internacional, as oportunidades que presenta Santiago de Compostela como capital de oportunidade de negocios, capital turística e capital de compras.

• difundir, dun xeito efectivo, programas de inserción laboral para persoas desempregadas; de dinamización comercial; de formación, de emprendemento, etc. necesarios en épocas de crise como a que estamos vivindo.

No ano 2005, Promoción Económica, ante o desenvolvemento das actividades realizadas nos anos 2004 e 2005, que supuxo un incremento notable dos servizos prestados á cidadanía, puxo en marcha a web www.maiscompostela.org como a súa principal ferramenta de comunicación. Esta páxina foi empregada durante anos con gran eficacia para difundir os servizos e programas desenvolvidos pola concellaría. Pero a evolución sufrida polos mesmos nos dous últimos anos, fixo necesario replantexar este espazo e adaptalo ás novas necesidades, tanto da oficina de Promoción Económica, como da cidadanía, comercios, empresas e persoas usuarias dos servizos que presta o departamento dirixido por Xosé Manuel Iglesias.

A estrutura actual adáptase aos novos requerimentos de contidos e actualidades (con axendas, convocatorias, un sistema dinámico de edición de portada, galerías gráficas, etc.), moderniza a súa aparencia, permite visualizar dun xeito sinxelo os programas e servizos que presta a Concellaría de Promoción Económica; actualiza a programación con respecto á lexislación vixente de accesibilidade, e por extensión, mellora o coñecemento que a cidadanía ten dos programas e servizos.

Estrutura

A páxina web www.maiscompostela.org estrutúranse en cinco áreas: Portada, Invest Compostela, Compostela capital de compras, Compostela traballa e Turismo. En cada unha delas descríbense as respectivas liñas de actuación, os programas cos que conta, os servizos que ofrecen, as convocatorias tanto abertas como pechadas e a información de prensa e audiovisual asociada. Todas as portadas contan ademais, nun espazo visible, con banners directos ás convocatorias abertas nese momento, ao Observatorio Estatístico, á Plataforma de Formación máiscompostela e ao Boletín de ofertas de emprego máiscompostela. Tamén se atopa visible a axenda, o apartado de avisos, e o apartado de novas.

A arquitectura estrutural da páxina vai de arriba a baixo. Permite introducir programas e asociarlle convocatorias (cursos, liñas de axudas, eventos, etc.) que, a continuación, poden engadirse en axenda ou asociarlle avisos, todos visibles en portada ata que se desenvolvan ou mentres dura o período de inscrición.

Compartir: