TURISMO

Roma, Xerusalén e Santiago aúnan o seu futuro turístico na capital galega

12/12/2005 Santiago de Compostela acolle o 13 de decembro a primeira xuntanza dos responsábeis turísticos das tres metas da Cristiandade, na que se dará forma definitiva á alianza denominada ‘Cidades Santas’ para a colaboración en materia de conservación do patrimonio e promoción do turismo relixioso e cultural.

Á reunión do martes asistirán o xefe de Relacións Internacionais do Ministerio de Turismo de Israel, Tzvi Lotan; a xefa de Relacións Internacionais de Turismo de Roma, Patricia Tanzi; o concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, e o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, para asinar o protocolo de intencións que enmarcará a colaboración das Cidades Santas en materia patrimonial, relixiosa, cultural e turística.

De acordo co documento, estes tres grandes centros de peregrinación, que teñen en común o seu carácter de metas da Cristiandade, lugares de culto e refuxios da fe, e tamén un patrimonio magnificamente conservado e recoñecido pola Unesco, ‘unirán esforzos para que os seus pobos se coñezan máis profundamente’ e para que ‘as súas cidadanías obteñan un maior estado de benestar social’.

Neste sentido, Roma, Xerusalén e Santiago, comprométense a ‘conservar e desenvolver o seu patrimonio histórico, arquitectónico e cultural mediante a realización de proxectos comúns’; a realizar ‘accións solidarias de intercambio de experiencias, visitas e colaboración técnica’; e a ‘potenciar o eixe de destino cultural e relixioso destas cidades declaradas Patrimonio de la Humanidade’.

Programa de actividades
Trala súa chegada a Santiago de Compostela, que terá lugar o luns 12, os representantes de Xerusalén e Roma participarán o martes 13, ás 10 da mañá, na sinatura do protocolo de intencións na sede de Turismo de Santiago.

Ás 11:45 h. serán recibidos polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, no Palacio de Raxoi, trala que se dará unha rolda de prensa que tamén contará coa presenza do director xeral de Turismo, Rubén Lois. Pola tarde, participarán nunha visita á catedral e percorrerán a zona monumental nunha visita guiada.

Un paquete tipo ‘touring’ polas Cidades Santas
De acordo con Francisco Candela, concelleiro de Turismo, a alianza non só alenta a unidade espiritual de tres cidades, senón que suporá ‘a creación dunha moi atractiva oferta turística cun especial impacto non só en Europa, senón tamén sobre mercados distantes’ e que necesitará da ‘implicación das autoridades relixiosas, municipais e turísticas dos tres destinos’ para estar definitivamente en marcha dentro de dous o tres anos.

Unha das aplicacións prácticas do convenio de colaboración, en efecto, sería a de deseñar un circuíto turístico tipo ‘touring’ que aproveite a recente mellora das conexións directas do aeroporto de Lavacolla con Roma, e a conexión entre Roma e Xerusalén, para integrar nun só paquete a visita ás tres cidades. Este novidoso produto turístico sería promovido con especial atención nos mercados distantes, como Xapón ou Estados Unidos, e a longo prazo, en China.

Unha vez madura, a proposta será presentada ao programa europeo ‘Euromed’, que atende proxectos de cooperación entre países europeos e terceiros países da área mediterránea.

O proxecto ‘Cidades Santas’ forma parte dun paquete de actuacións internacionais coas que Turismo de Santiago pretende converter á Cidade do Apóstolo nun referente turístico mundial, nun ano que, como 2005, ven de marcar o despegue para a crecente presenza de turistas estranxeiros na cidade.

Dentro destas iniciativas de internacionalización enmárcanse así mesmo feitos como o ingreso de Turismo de Santiago á Organización Mundial do Turismo o pasado 29 de novembro na Asemblea Xeral de Dakar; a sinatura dun convenio coa China Business Network, para a promoción da capital galega nese país; e os contactos mantidos durante a feira World Tavel Market coa European Cities Tourism, rede de cooperación que agrupa ás 70 máis destacadas urbes turísticas europeas e que exerce a súa representación ante a Comisión Europea a través da European Travel Commission.

Compartir: