CULTURA

O certame "Revelando Voces" ofrece 13 concertos de grupos composteláns

04/05/2010 Jazz, folk, bravú, canción de autor ou pop son algúns dos xéneros nos que se enmarcan as propostas dos sete grupos e artistas que van participar na cuarta edición do programa Revelando voces, unha iniciativa da Concellería de Cultura e Centros Socioculturais para potenciar os grupos e músicos novos da cidade.

Serán trece concertos entre os días 8 de maio e 25 de xuño, que se desenvolverán nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Amio, O Ensanche, As Fontiñas e O Castiñeiriño, ademais dunha actuación na Festa da Primavera e a gala final no Teatro Principal. Todos os concertos son de balde e celébranse ás 21:00 horas.

A programación ábrese con tres concertos o sábado 8: a formación de folk alternativo Brandelia no CSC de Conxo, o jazz vocal de Lemaniot no CSC de Vite e os ritmos bravú e pachanga de Os Mordecáns na Porta do Camiño, dentro da Festa da Primavera. Esta última será a única actuación que muda de hora: será ás 22:00 horas.

O 20 de maio o conxunto de jazz latino-progresivo Pi Graos actúa no CSC de Amio, e o 22 de maio o grupo de pop La Edad Prohibida faino no CSC de Conxo, mentres que ese mesmo día Jamila Purofilin leva ao CSC das Fontiñas a súa combinación de nova troba cubana, boleros e música hispano americana.

O 28 de maio Pi Graos actúa no CSC do Castiñeiriño, e un día máis tarde hai dous concertos: La Edad Prohibida no CSC das Fontiñas e Brandelia no CSC do Ensanche. Xa o 5 de xuño serán os concertos dos Mordecáns no CSC de Vite e do conxunto de cantautores con ritmos swing, folk e blues Liridade Noctámbula no CSC do Ensanche. O 19 de xuño actúa Lemaniot no CSC do Castiñeiriño.

A gala final de Revelando Voces terá lugar o 25 de xuño no Teatro Principal. Para ese día, os técnicos dos centros socioculturais escolleron a Jamila Purofilin e Liridade Noctámbula.

A promoción de artistas novos da cidade
Revelando Voces é un programa da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais que pretende achegar aos centros socioculturais de Compostela sons de diferentes formacións locais, buscando novos públicos e nova proxección para estes intérpretes. Trátase dun programa cunha filosofía de proximidade que tenta contribuír ao mesmo tempo a crear un circuíto nos centros socioculturais e a promocionar aos artistas máis novos.

O certame está dotado cun orzamento de 25.000 euros. Garántelles aos grupos seleccionados a realización dun total de 13 actuacións, cunhas condicións de son e iluminación axeitadas para o desenvolvemento da súa proposta musical e percibindo un cache que varía en función do número de membros do grupo.

Compartir: