EMPREGO

O Equipo de Obras e Emprego Urbana traballará na restauración das marxes do Sarela e reparará beirarrúas na zona norte

04/05/2010 Presentouse o Equipo de Obras e Emprego Urbana Santiago Norte. No acto, presidido polo concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, estaban presentes 29 das 45 persoas que participarán no programa, a través do que se executarán obras de reparación e mantemento en beirarrúas en todos os barrios da zona Urbana Santiago Norte, e labores de limpeza e restauración do río Sarela ao seu paso entre o Romaño e Galeras.

No acto deuse a benvida ás persoas beneficiarias e presentáronse os tres coches que utilizarán e a caravana informativa que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia deste tipo de programas de inserción laboral. Este labor de difusión, baixo o slogan "Obras e Emprego, para mellorar", completarase con folletos informativos e outros artigos, como camisetas, marcadores, libros, etc.

Este proceso de contratación de persoas desempregadas por un período dun ano enmárcase na actuación 5.5 "Iniciativa Urbana de Obras e Emprego". Conta cun orzamento dun millón de euros e ten como obxectivos específicos a aplicación de políticas tendentes a diminuír o nivel de desemprego na zona Iniciativa Urbana, con atención especial aos colectivos con más dificultades de acceso ao mercado de traballo, implantando un sistema eficaz de execución de obras, a través de programas públicos de emprego que incentiven a experiencia e a reinserción no mercado de traballo. Ademais, oferta aos desempregados da zona norte de Santiago experiencia laboral e cualificación, a través da execución de obras no seu propio entorno social. Articularase a través da posta en marcha de tres Equipos de Obras que, de xeito paralelo á práctica laboral, recibirán formación ademais dunha credencial profesional.

O proxecto Urbana Santiago Norte está cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do eixo número 5 (Desenvolvemento sostible local e urbano) dentro do Programa Operativo do FEDER en Galicia para o periodo 2007-2013 ". A través deste programa vanse contratar 42 oficiais de terceira e tres responsables de equipo. Os postos ofertados son os seguintes: 20 oficiais de albanelería, seis de xardinería, tres de electricidade, tres de fontanería, tres de cantería/mampostería, tres de carpintería, dous/dúas encargados/as de albanelería e un/unha encargado/a de xardinería.

Compartir: