URBANISMO

Emuvissa saca a concurso nove parcelas por un importe superior a seis millóns de euros

04/05/2010 O Consello de Administración de EMUVISSA, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi informado da saída no DOG, a vindeira semana, do concurso para alleamento de parcelas conforme ao novo prego de bases aprobado no Consello de 29 de marzo na procura de facilitar as adquisicións de solo para vivenda protexida en tempos difíciles.

As nove parcelas para o concurso supoñen 7.900 metros cadrados de solo, cunha edificabilidade residencial de 23.200 metros cadrados para 205 vivendas de protección en réxime especial, xeral ou prezo concertado e 1.259 metros cadrados de comercial. Estas parcelas sairán a concurso na próxima semana e localízanse nos polígonos SUNP-11 do Castiñeiriño, SUNP-14 Tras Paxonal, SUNP-12 Lamas de Abade e no SUP-7 de Pontepedriña. O importe total do concurso é de 6.119.000 euros.

Lembrouse que o novo prego flexibiliza as condicións de adquisición, especialmente na forma de pago, que é unha compravenda con prezo aprazado, con adxudicación provisoria e adxudicación definitiva automática no caso do pagamento do primeiro prazo, e todo nun mes dende a notificación da adxudicación. Nese momento procederíase a escriturar a compravenda e transmitiríase a propiedade, se ben sometida a condición resolutoria expresa no caso de falta de pago.

Tamén se prolongan os prazos de pago: un 20% do prezo da parcela deberase aboar no prazo dun mes a contar dende a notificación da adxudicación, un 30% no prazo de seis meses, e o 50% restante no prazo de doce meses. Un ano para o pago dende a notificación da adxudicación coa posibilidade no segundo e terceiro prazo de solicitar a EMUVISSA a prórroga dos prazos establecidos por un tempo máximo de seis meses cada un deles.

Adxudicación de obras
Neste Consello tamén se adxudicou a Jesús Martínez Alvarez Construcciones,S.A. a execución das obras de edificación de tres vivendas unifamiliares de realoxo no ámbito do SUNP-14 (Tras Paxonal) por un importe de 473.257 euros e un prazo de execución de 8,4 meses. Foi a oferta máis puntuada nun concurso público cunha elevada participación, xa que se presentaron 21 ofertas.

Por outra banda, o Consello abordou cuestións en curso como a finalización dos expedientes de resolución dos contratos de urbanización do Castiñeiriño e Tras Paxonal. Ambos procesos iniciáronse a finais de decembro e no caso do Castiñeiriño, solicitada a resolución pola UTE contratista, liquidouse sen perdas co abono das obras pendentes de pago e os acopios de material que hai no terreo, na cantidade de 20.345 euros. As obras licitaranse no curso do mes de maio.

Respecto de Tras Paxonal, a resolución iniciouse pola paralización unilateral das obras por parte do contratista polo que se incautará da garantía, abonaranse ao contratista 206.257 euros polas obras realizadas e iniciarase o procedemento para cobrar a indemnización por danos e prexuízos causados a EMUVISSA, que ascenden a 185.516 euros. Tamén se dá a orde ao contratista para que no prazo de 10 días retire as instalacións e equipos que ten na obra e proceda á limpeza da mesma. No curso deste mes tramitarase a contratación para rematar os traballos de urbanización que restan e que son escasos.

Compartir: