PARTICIPACIÓN CIDADÁ

MUSOL abre delegación en Santiago e presenta unha exposición sobre a realidade de Guatemala na Casa das Asociacións

04/05/2010 A ONG Municipios pola Solidariedade (MUSOL), abre delegación en Galicia, cunha sede en Santiago. Por este motivo, e para darse a coñecer, a organización presenta a exposición Guatemala, o sur tamén conta na Casa das Asociacións. A mostra estará aberta ata o 16 de maio.

O presidente de MUSOL, Rafael García Matíes e a delegada da ONG en Galicia, Teresa Carballeira Rivera, quixeron darlle a coñecer ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, as principais iniciativas e principios desta ONG. Posteriormente, explicaron estes obxectivos en rolda de prensa, acompañados pola concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez.

A exposición da Casa das Asociacións, Guatemala, o sur tamén conta, foi realizada por diferentes fotoxornalistas e forma parte do proxecto "Sensibilización, formación e mobilización de funcionarios e políticos dos gobernos locais para a promoción do desenvolvemento sostible e os ODM", financiado pola Axencia de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). Esta será a primeira actividade que MUSOL realice en Galicia.

MUSOL é unha organización non gobernamental que traballa no eido da cooperación ao desenvolvemento internacional, aínda que especializada no campo municipal e rexional. Dirixe as súas accións ao fortalecemento das estruturas municipais e institucionais e a impulsar programas e proxectos tendentes á materialización da autonomía municipal e á descentralización como medio de mellora das condicións de vida das persoas.

Esta ONG está integrada por profesionais de ámbitos coma o urbanismo, os orzamentos, a economía, a contabilidade, o persoal, o medio ambiente, a descentralización, a organización municipal, a xestión da auga, etc. Tamén forman parte de MUSOL profesores universitarios e xente procedente do campo da cooperación ao desenvolvemento. MUSOL traballa actualmente en países como Bolivia, Guatemala, Honduras, Perú, Paraguai ou Senegal.

Compartir: