XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a sinalización do sendeiro autoguiado polos parques

04/05/2010 Entre os asuntos aprobados na Xunta de Goberno do martes 4 de maio figura a adxudicación provisional da sinalización do sendeiro autoguiado polos parques de Compostela. Tamén se aprobou a denominación para novas rúas e as listas provisionais das escolas municipais de Conxo e Fontiñas.

A adxudicación provisional do contrato de ampliación, adecuación, supresión de barreiras arquitectónicas e sinalización de sendeiro autoguiado polos parques de Compostela realizouse por un importe de 126.724 euros máis IVE. Esta obra está incluída no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.

Outra obra adxudicada polo Goberno local foi a de reforzo do firme na vía pública M-43-IV Urceira (Eixo), incluída no POS ADICIONAL 2/2009 da Deputación da Coruña, por un importe de 40.612 euros. Ademais, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas, así como o expediente para a contratación da explotación do bar-cafetería na dársena de autobuses da avenida de Xoán XXIII. Estableceuse un tipo de licitación de 25.000 euros/ano en concepto de canon fixo a aboar polo adxudicatario, máis un 5% de participación nos beneficios.

En materia de educación, aprobáronse as listas provisionais das escolas municipais de Conxo e Fontiñas, que se exporán no taboleiro xeral do Concello e no Departamento de Educación. Os solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións, debidamente documentadas, no prazo de dez días contados dende a data de publicación da relación provisional.

Finalmente, tal como anunciara o alcalde, deuse o visto bo á denominación para doce rúas: Rosa Pardo, Alejandro Pérez Lugín, Josefa García Segret, Manuel Vázquez Cacharrón, José Antonio Souto Paz (SUP-7 de Pontepedriña); Constantino Limia Nogueira (SUNP-12 de Lamas de Abade); Mariví Villaverde, Pedro Cabezas González, Manuel Ceruelo, Agustín Sixto Seco e Josefa Iglesias Vilarelle (SUNP-14 de Tras Paxonal).

Documentos relacionados



Compartir: