TURISMO

O Plan Estratéxico para o Turismo 2010-2015 aposta por explotar os recursos aínda pouco aproveitados da cidade

03/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou ao sector turístico o Plan Estratéxico para o Turismo de Santiago 2010-2015. Este documento establece unha diagnose sobre o estado do sector na actualidade e formula as liñas de actuación prioritarias para os vindeiros anos.

O Plan pon ao día o documento de 2002 ante os grandes cambios experimentados por Santiago, as novas tendencias no sector e a crise económica internacional. Segundo o documento, Santiago está nunha boa posición competitiva para afrontar este escenario complexo.

A cidade –afírmase no documento- debe seguir investindo en turismo para aproveitar todas as súas capacidades, mesmo aquelas aínda non suficientemente explotadas. Nesta liña, séguese apostando por unha política de desconcentración e ampliación da oferta básica. Nestas potencialidades de futuro destaca a Cidade da Cultura. Considérase necesario e urxente definir o rol e a relación deste complexo coa Cidade Histórica.

Para asegurar o éxito turístico de Santiago tamén se estima como "máxima prioridade" asegurar boas conexións aéreas para a cidade, dentro do entorno de redefinición xeral do panorama aeronáutico internacional. Sen dúbida isto contribuiría a reforzar a imaxe e o posicionamento de Santiago nos mercados exteriores. O Plan lamenta o aínda "baixo coñecemento" de Santiago nestes mercados e avoga por realizar unha investigación científica para afinar máis nas políticas promocionais. En canto á oferta hoteleira, cualifícase como "adecuada e suficiente en xeral", se ben se indica que o seu crecemento a curto prazo debería ser selectivo e cualitativo.

Turismo de Santiago aparece neste informe como o instrumento axeitado para a posta en marcha de todas estas políticas, alentando tamén a posibilidade dunha maior co-participación do sector privado. Finalmente e a propósito do papel de Compostela como principal destino turístico e motor de arrastre para o conxunto de Galicia, reclámase un recoñecemento desta función por parte de todas as institucións.

Documentos relacionados



Compartir: