DEPORTES

A IV Carreira Popular Solidaria Área Empresarial do Tambre será en beneficio de Proxecto Home e da Cociña Económica

03/05/2010 Presentouse a IV Carreira Popular Solidaria Área empresarial do Tambre, organizada pola Fundación Compostela Deporte, a Asociación de Empresarios da Área Empresarial do Tambre, a delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, a USC e o atleta compostelán Pedro Nimo. A carreira servirá para recadar fondos para o Proxecto Home e a Cociña Económica.

Na rolda de prensa de presentación, o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Bernardino Rama, anunciou que a Carreira terá lugar o domingo16 de maio no Campus Sur da USC. O percorrido realizarase polas seguintes rúas: rúa Antonio R. Ibáñez, avenida da Coruña, avenida das Ciencias, avenida de Novoa Santos, avenida das Burgas e avenida de Compostela.

Os horarios, categorías e lonxitude das carreiras será a que segue:

- 11:00 Prebenxamín e anteriores (470 m)
- 11:15 Benxamín e alevín (1.260 m)
- 11:30 Infantil e cadete (2.410 m)
- 12:00 Xuvenís en adiante (4.710 m)
- 12:45 Entrega de premios

O vicepresidente da Fundación tamén sinalou que a proba tiña lugar no Campus "para achegar a máis xente e así reforzar un pouco mais a carreira solidaria". Pola súa parte o delegado en Santiago de Compostela da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín sinalou que se deron pasos para incorporar novos colaboradores na presente edición da carreira, como é o caso da USC. Ademais, sinalou que a Asociación da Área Empresarial do Tambre seguirá colaborando.

O atleta Pedro Nimo comentou sobre a mudanza da ubicación dende o Polígono do Tambre, lugar onde se tiña desenvolvendo a Carreira nas edicións anteriores, ata o emprazamento onde vai ter lugar este ano, que "é un paso adiante moi positivo e demostra que os empresarios do Tambre saben adaptarse". Engadiu que "oxalá o domingo haxa moitos rapaces e moita xente nova na carreira".

Mariano García-Verdugo, xefe do Departamento de Deportes da USC, dixo que esta vai ceder parte do percorrido para a Carreira. Así mesmo, van intentar implicar á comunidade universitaria na mesma e fixo un chamamento á participación.

Finalmente, o presidente da Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel, reiterou o compromiso da Asociación para "unir o mundo da empresa co mundo do deporte". Sinalou que as doazóns que se fagan este ano destinaranse á Cociña Económica e ao Proxecto Home, que cumpre o seu XXV aniversario.

Nesta V Edición da Carreira Popular Solidaria Área Empresarial do Tambre prevese que participen persoeiros como Manjarín ou Iván Raña. Ademais, haberá sorteos de agasallos doados por deportistas profesionais como Marta Domínguez, que xa o ano pasado doara uns tenis, ou de Óscar Pereiro, que doou un maillot.

Compartir: