CONSORCIO

As igrexas de Santiago acollen unha nova edición do Compostela Organum Festival

03/05/2010 Logo do éxito acadado en edicións anteriores, varias igrexas da cidade histórica de Santiago acollerán a cuarta edición do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio de Santiago e coa coordinación da Asociación Musical Berenguela. Este ano o festival conta co apoio financeiro da S. A. de Xestión do Xacobeo, que decidiu incluílo na súa programación xeral para este Ano Santo.

O Compostela Organum Festival é unha iniciativa estreitamente vinculada ao patrimonio relixioso da cidade e á revitalización dos órganos destes templos, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Santiago. Nesta ocasión, o festival divídese en tres ciclos, primavera (en maio), verán (en agosto) e outono (en outubro), cun total de 13 concertos coa música de órgano como protagonista. Os primeiros concertos, incluídos no Ciclo de Primavera, terán lugar nas igrexas das Ánimas, San Miguel e San Paio, os días 8, 15, 23 e 29 de maio.

O Festival conta coa participación de varios dos máis destacados organistas do panorama actual español e europeo, coma son Carlos Guerra, Jesús Gonzalo, Juan de la Rubia, Marco Brescia, Konstantin Volostnov ou Guillermo Díez. O concerto inaugural, na igrexa das Ánimas, correrá a cargo do organista José Ignacio Gavilanes e un trío de cámara formado por músicos da Real Filharmonía de Galicia.

Grazas a esta iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vinculado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se aúnan escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai deles auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen. Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no disfrute do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade, como os de San Paio, San Miguel ou as Ánimas.

A tradición organística de Santiago de Compostela ven de lonxe, con nomes tan importantes como os fabricantes Baltasar Machado, Manuel de la Viña, Alberto de la Peña ou Mariano Tafall.

Documentos relacionados



Compartir: