ALCALDÍA

O alcalde presentaralle á Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo o programa Santiago-Une

28/04/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, manterá mañá xoves en Raxoi unha reunión de traballo coa Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo. Presentarlles o programa Santiago-Une: O Camiño de Santiago, une, integra e ilusiona ós cidadáns dende a Idade Media.

Na xuntanza, o alcalde exporalle aos membros da Comisión os obxectivos do programa liderado por Santiago e no que participan tamén as cidades italianas de Asís e Narni, a portuguesa de Santiago do Cacem, a alemá de Ratisbona, a francesa de Rennes e Córdoba en España. O eixo principal do proxecto é divulgar a importancia do Camiño de Santiago como integrador e promotor da identidade europea e dos seus valores, a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa, fomentando, con acciones conxuntas, o diálogo intercultural, especialmente entre os mozos, para afianzar o europeísmo entre os cidadáns.

A comisión chegará a Raxoi ás 11:30 da mañá e alí será recibida polo alcalde. A continuación haberá un encontro coa prensa, previo á reunión de traballo que comezará ás 12:00 horas. Contra as 14:15 horas trasladaranse ata o parque de San Lázaro, onde se descubrirá unha placa conmemorativa da visita, e dende alí farán a pé o último tramo urbano do Camiño de Santiago, chegando á praza do Obradoiro sobre as 15:30 horas.

Presentación en Oviedo
Dentro da rolda de promoción de Santiago-Une, o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, presentouno no Palacio de Congresos-Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo no marco da Xornada Informativa Europa polos cidadáns, onde foi acollido con entusiasmo polos participantes. En palabras de Fariña, "consideran a nosa iniciativa un exemplo a seguir e unha fórmula de grande interese e utilidade que permite crear redes de cidades irmandadas, unindo esforzos para acadar obxectivos conxuntos en materias que nos afectan a moitos cidadáns en toda Europa".

Compartir: