EDUCACIÓN E MOCIDADE

Entréganse os premios Vagalume 2005

22/12/2005 Os gañadores dos premios Vagalume 2005, que recoñecen o traballo de colectivos e persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social, recibiron o mércores 21 de decembro o seu galardón de mans do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos.

Este ano o galardón colectivo recaeu no Centro de Traballo e Cultura de Cáritas Interparroquial e en Aspanaes (Asociación de pais de persoas con trastornos do espectro autista), mentres que o Premio Individual foi para Agustín Bueno Rodríguez.

O pasado 2 de decembro de 2005 tivo lugar o fallo deste galardón instituído polo Concello de Santiago de Compostela en recoñecemento do traballo de colectivos ou de persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social.

O xurado estivo formado por Elvira Cienfuegos López, concelleira de Educación e Mocidade, Amalia Calvo Ríos (do Proxecto Home), Amelia Pereira Menaüt, (de Cáritas Interparroquial), Carmiña Albores Maceiras (de Mans Unidas), Patricia Maceira Villaverde (da Obra Social de Caixa Galicia), Concepción Vilas Fernández, (da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella-Santiago), María José García Gómez (do PP), Adelaida Negreira (do PsdeG-PSOE) e, como secretario, o xefe de sección de Educación e Mocidade, Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez, con voz pero sen voto.

O xurado acordou outorgar o Premio Colectivo (compartido) ao Centro de Traballo e Cultura de Cáritas Interparroquial, "pola súa traxectoria no ámbito da problemática do emprego e a inmigración, apoiando a inserción socio-laboral de persoas en risco de exclusión social, organizando xornadas, foros e acollendo e asesorando inmigrantes e emigrantes retornados", segundo se explica na acta, xunto con Aspanaes (Asociación de pais de persoas con trastornos do espectro autista), "polo labor social que realiza desde 1979 na atención e educación de persoas con TEA (Transtornos do Espectro Autista), mediante a creación de centros de educación e de formación que traballan para integrar e favorecer o seu desenvolvemento persoal mediante unha maior autonomía e competencia persoal e social e, a súa capacitación e integración no entorno laboral".

O Premio Individual é para Agustín Bueno Rodríguez, "pola súa incansábel actividade dende hai máis de 30 anos e a profunda vinculación, compromiso e traxectoria ligada ao movemento asociativo veciñal na cidade de Santiago", segundo consta na acta do xurado.

Na pasada edición de 2004 o Premio Colectivo foi para o Albergue San Francisco e o Premio Individual para Teresa Ínsua Iglesias, traballadora desta entidade.

Compartir: