COMERCIO

O Concello de Santiago ofrece unha recepción aos representantes dos comercios homenaxeados en 2010

28/04/2010 O Concello de Santiago ofreceu unha recepción a representantes dos comercios seleccionados na convocatoria Homenaxe ao comercio de Compostela 2010, e de establecementos premiados en programas desenvolvidos pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

Os comercios que recibiron a figura de Sargadelos, cunha placa acreditativa foron Joyería Bao, Supermercados Froiz, Pratería Fariña Formigo, La Princesa e Espagat, como homenaxeados en 2010 polo seu traballo a prol do sector comercial compostelá e a súa traxectoria ao servizo da clientela. Tamén foron distinguidos Pecados de Compostela, como gañador anual do Concurso de Escaparatismo en 2009; Como pez en el agua, como Comercio máis participativo; e Saúde e Beleza, El Club Baltassara, e Media Lúa, premiados no concurso Regalar custa pouco 2009.

Tras a entrega de premios, o alcalde compostelán felicitou aos premiados e expresou o "orgullo polos nosos comerciantes". Recordando as transformacións ás que os últimos anos obrigou a aparición das grandes superficies comerciais, manifestou a necesidade de "preservar aquilo que forma parte da nosa historia e um símbolo de calidade extraordinaria". Ademais do alcalde e do concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, participaron no acto outros membros da Corporación e representantes das distintas agrupacións comerciais da cidade.

Esta recepción está incluída na campaña Esta primavera, máiscomercio. Merca en Compostela. A túa capital de compras. Este programa ten varios obxectivos: dinamizar o comercio compostelá; axudalo nos procesos de innovación, modernizacion, promoción e venda para incrementar a súa competitividade; recoñer a labor dos/as comerciantes no proceso de construción tanto urbanística como económico-social da cidade; premiar a excelencia dos estabelecementos comerciais; e transmitir a importancia do sector á cidadanía.

Homenaxe ao comercio de Compostela 2010
Homenaxe ao comercio de Compostela 2010 ten como obxectivos fortalecer os lazos entre as/os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico. Á convocatoria presentáronse nove comercios. A comisión avaliadora seleccionou aos estabelecemento homenaxeados en base aos seguintes criterios de valoración: antigüidade do estabelecemento e que o comercio pasara de xeración a xeración no seo dunha mesma familia desde a súa fundación. Os escollidos en 2010 foron:

1. Joyería Bao: fundada en 1934 e explotada no seo dunha mesma familia. Está situado na rúa da Caldeirería, número 8.

2. Supermercado Lorenzo Froiz: fundado en 1964 e explotado no seo dunha mesma familia. Está localizado na praza do Toural, número 2.

3. Pratería Fariña Formigo. Pratería fundada en 1969 e explotada no seo dunha mesma familia. Está situada na rúa da Acibecharía, número 18.

4. La Princesa. Tenda especializada en traxes de comunión e noivas, fundada en 1970, e explotada no seo dunha mesma familia. Está situada na rúa da Caldeirería, número 53.

5. Espagat. Ximnasio e spa fundado en 1985 e explotado no seu dunha mesma familia. Está localizado na rúa de Fernando III O Santo, número 12.

Gañador anual de Escaparatismo
O gañador anual do Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping escóllese entre os establecementos participantes que tiveran unha maior presenza, continuidade e esforzo ao longo das catro edicións anuais do certame. O gañador anual de 2009 foi Pecados de Compostela. Esta tenda de delicatessen, situada no cantón do Toural, número 5, quedou primeira na edición de verán do concurso e terceira na edición de outono.

Comercio máis participativo
Con esta distinción preténdese recoñecer a traxectoria dun estabelecemento tomando como referencia a súa participación en accións formativas e programas dirixidos ao sector comercial organizados pola Concellaría de Promoción Económica. En 2010 escolleuse como Comercio máis participativo, dinámico e innovador a Como pez en el agua, situado na rúa de San Pedro, número 39.

Regalar custa pouco 2009
Durante a recepción tamén se lle entregou unha distinción aos tres comercios premiados no II Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco 2009, un programa que ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal. Os 65 produtos seleccionados, pertencentes a 16 comercios, foron recollidos, cos seus respectivos prezos e a localización do estabelecemento, nun catálogo de promoción comercial. Editáronse 10.000 exemplares en version trilingüe (galego, castelán e inglés), que se repartiron de balde entre a cidadanía e as persoas que visitaron Santiago durante o Nadal. Os tres establecementos premiados en 2009 foron:

1. Saúde e Beleza, polo tratamento corporal Chocolaterapia. Situado na avenida Rosalía de Castro, número 1.

2. El Club Baltassara, polo produto Bolso. Situado na rúa Xeneral Pardiñas, número 2.

3. Media Lúa, polo chaveiro artesanal Perica. Está situado na rúa Travesa, número 5.

Compartir: