CIDADE HISTÓRICA

Cidade Histórica solicita unha subvención para desenvolver un proxecto de reflexión colectiva sobre o espazo público

27/04/2010 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou a solicitude de subvención ao Ministerio de Cultura para o proxecto O aire da cidade. Esta actividade pretende ser financiada polas axudas para proxectos de conservación, protección e difusión de bens declarados Patrimonio Mundial correspondentes ao 2010.

A edil explicou que "O aire da cidade é un proxecto propio da Concellaría de Cidade Histórica e Rehabilitación para o que se solicita unha subvención para o 100% dos custes do proxecto, que ascenden a 117.400 euros". Trátase dun proxecto que "pretende implicar á cidadanía na tarefa de pensar o espazo público e as súas posibles definicións", incorporando "como vehículo de transmisión o medio audiovisual, con todo o seu potencial artístico propio e non só como mero soporte".

O proxecto está dirixido por Pablo Portero e Rubén Coca e busca "a elaboración de tres vídeos/curtametraxes como reflexión sobre o espazo público da zona vella de Compostela, o xeito de intervir nel, e sobre a sociedade en contacto coa arquitectura urbana", especificou Olga Pedreira. A súa presentación desenvolverase no Teatro Principal, "nun acto aberto ao público en xeral no que se afondará, dun xeito lúdico, pedagóxico e experimental, en conceptos como o espazo e a cidade", engadiu.

Os aires da cidade
Nesta presentación pública do proxecto preténdese que a cidadanía se achegue a experiencias, traballos e conceptos tan próximos como afastados do seu propio prisma. Para isto mesturaranse disciplinas e conxugaranse traballos e experiencias formando un todo que comprenda un acto con música en vivo e proxeccións.

A peza principal sobre a que se apoia todo o evento estará conformada por tres curtametraxes diferentes:

- Documental, Composteland, curtametraxe documental que se nutre da observación da sociedade e os barrios, da súa arquitectura, memoria e esperanzas.

- Ficción, Xanelas á cidade, curtametraxe na que a ficción traza unha historia que reflexiona sobre o espazo público na contorna urbana de Santiago de Compostela.

- Experimental, Arquitexturas, vídeo final no que se combinan diferentes técnicas audiovisuais para compoñer unha peza de alto contido artístico e visual.

As intervencións de reurbanización incorporadas a este proceso de reflexión a modo de localizacións nas pezas audiovisuais corresponden aos seguintes ámbitos: rúa Raxoi, zona de San Clemente, rúa Trindade, campo das Hortas, campo do Cruceiro do Gaio, rúa do Cruceiro do Gaio, rúa de San Pedro, campo de Santo Antonio, rúa Belvís, mirador de Belvís, rúa de Santo Antonio, calzada de Santo Antonio, rúa Espírito Santo e rúa do Olvido e contorno.

Na presentación de O aire da cidade, a concelleira estivo acompañada polo arquitecto Javier Fernández, xefe de servizo da OCHiR.

Compartir: