EDUCACIÓN E MOCIDADE

Chega O Labirinto dos soños, espectáculo audiovisual para os máis pequenos

13/12/2005 O luns 12 de decembro deu comezo este programa que ao longo de toda a semana permitirá a 2.256 alumnos de 24 centros escolares de primaria de Santiago e comarca achegarse a unha divertida proposta audiovisual-musical.

O Labirinto dos Soños é un musical para todos os públicos, un espectáculo audiovisual especialmente dirixido aos nenos e nenas de 6 a 12 anos. A montaxe articúlase arredor de dous elementos escénicos: por unha banda, un grupo musical conta un conto a través de voces e música, e por outra, a proxección de vídeos de animación 3D recréao visualmente.

A novidosa posta en escena lembra os primeiros pasos do cine, aqueles tempos nos que un pianista e unhas imaxes proxectadas sobre unha pantalla branca se encargaban de convocar a maxia nunha pequena sala escura.

Os Trabalinguas, os tres músicos-intérpretes da obra son compañeiros musicais de longa data e membros da Psicofónica de Conxo.

As seguintes datas de celebración d´O labirinto dos soños serán os días 13, 14, 15 e 16 de decembro (de luns a venres), en dúas sesións diarias (ás 10.00 e ás 11.30 horas) no Teatro Principal. Cada sesión dura 50 minutos e o prezo da entrada é de 2 euros para os escolares e de balde para o profesorado acompañante do grupo.

Do cd-rom ao teatro
O Labirinto dos Soños é unha recreación escénica inspirada na obra multimedia do mesmo título que foi publicada en forma de CD-ROM por Grándola Nova. Escrita e dirixida por Pepe Sendón en colaboración co compositor Fran Pérez e o deseñador gráfico Fausto C. Isorna, é unha obra que investiga novos modos de contar historias por medio da música, a animación 3D e a interactividade en soporte dixital. Logo da publicación do CD-ROM en 2003, as aventuras de Ventura, o protagonista d’O Labirinto dos Soños, continúan na serie de televisión "Ventura na Illa de Hypnos", actualmente en producción e que será publicada próximamente en DVD.

Unha adaptación para teatro, con guión de Pepe Sendón, xa foi posta en escena con grande éxito en Portugal no ano 2003 pola compañía Trigo Limpo Teatro ACERT, con dirección de José Rui Martins.

Desta volta chega ao teatro para os nenos e nenas galegos un musical que recolle as oníricas aventuras e as moitas cancións que Ventura ten protagonizado no seu longo caminar polo labirinto.

Compartir: