PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Decatístico reflicte unha década de estabilidade e desenvolvemento

26/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Decatístico Compostela Radiografía dunha década (1999-2009), elaborado polo Observatorio Estatístico. A publicación, que se poderá consultar no apartado Observatorio Estatístico da páxina web www.maiscompostela.org, contén gráficos, táboas e textos correspondentes aos últimos dez anos. Son, en conxunto, a ferramenta que máis rigorosamente pode axudar a construír a historia do municipio e do seu entorno na primeira década do século XXI.

Esta obra, cun deseño funcional e atractivo, condensa nun só volume de máis de 450 páxinas, a análise cuantitativa en cifras de toda unha década de actividade desenvolvida no marco da cidade de Santiago de Compostela. É, ademais dun resumo de todos os Estatísticos publicados ata o de agora (dende o ano 1999), un documento que reflicte a evolución da capital de Galicia a distintos niveis: medio-ambiental, cultural, económico e social. Pero tamén lle permite coñecer, a expertos, investigadores, e a todas as persoas interesadas, como mudou, na última década, a realidade e os hábitos da sociedade compostelá.

Analizando os datos publicados no Decatístico, podemos resumir a evolución experimentada por Santiago de Compostela nos últimos dez anos en dúas palabras: estabilidade e desenvolvemento. Atopamos que hai unha estabilidade climática, dentro das variables de pluviosidade e clima atlántico que caracterizan a Santiago; e unha estabilidade demográfica, cun ritmo de crecemento lento, que non da traspasado a barreira dos cen mil habitantes. Tamén se mantén estable o comportamento electoral da cidadanía, sen modificacións do mapa político municipal, os recursos destinados á saúde e as listas de espera para intervencións cirúrxicas e consultas externas.

O segundo adxectivo que caracteriza os últimos dez anos de evolución do Concello é desenvolvemento: desenvolvemento urbanístico, desenvolvemento cultural e desenvolvemento de servizos destinados á cidadanía. No apartado urbanístico medrou o solo industrial, a oferta de novas vivendas, sobre todo de protección oficial, e o número de rehabilitacións realizadas. Tamén se incrementaron as actividades sociais e culturais (sobre todo a partires do ano 2004), abriuse a biblioteca "Ánxel Casal" e comezou a construción da Cidade da Cultura. De xeito paralelo, potenciáronse os servizos sociais, incrementouse o número de espazos verdes, e ampliouse a rede de transporte urbano. A última década tamén se caracteriza polo desenvolvemento de programas e accións destinadas a dinamizar a actividade económica nas súas múltiples dimensións, co obxectivo final de acadar unha mellor calidade de vida para as persoas que habitan en Santiago.

Compartir: