ALCALDÍA

A Conferencia de Redes de Cidades Europeas Transfronteirizas e Interrexionais une a 500 cidades do continente

23/04/2010 A Conferencia de Redes de Cidades Europeas Transfronteirizas e Interrexionais (CECICN, nas súas siglas en inglés) quedou constituída nunha sesión celebrada no Hostal dos Reis Católicos. A nova entidade estará presidida durante os primeiros dous anos polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

Os delegados das entidades asinantes desta nova entidade foron recibidos en Raxoi por Sánchez Bugallo, antes de realizar a primeira xuntanza, tamén no Concello, previa á constitución oficial. No acto estiveron os representantes das seis entidades que firmaron a constitución da CECICN e que representan a máis de 500 cidades da Europa Comunitaria situadas en espazos de fronteira na UE.

A CECICN nace co obxectivo de constituírse como interlocutor recoñecido da Comisión Europea en temas de cooperación territorial nun momento clave: o inicio das negociacións do orzamento comunitario e as prioridades da política rexional da UE post-2013.

Esta rede de redes estará integrada por representantes das seis maiores redes de cidades de Europa que traballan en cuestións relacionadas coa cooperación transfronteiriza e na defensa dos seus respectivos intereses rexionais. En concreto, as redes que integran CECICN son:

Misión Operacional Transfronteiriza (MOT), que actúa en todas as fronteiras de Francia. (www.espaces-transfrontaliers.org/es/)

Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), recentemente constituída e participada polo Eixo Atlántico, ten en toda a fronteira hispano-lusa o seu ámbito de actuación.

Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), con presenza en todo o Espazo Atlántico.

Foro de Cidades do Adriático e Xónicas, con base en Roma, conta con representantes das principais cidades do Adriático e da Península de Ionnina.

Medcities, que abarca toda a conca mediterránea.

Unión de Cidades Bálticas, con presenza nos principais países da rexión báltica.

Esta rede inclúe á práctica totalidade das entidades transfronteirizas de Europa que representan a máis de medio milleiro de cidades da UE (aínda que nalgunhas organizacións estean cidades de África e de Oriente Próximo, como no caso da Asociación de Cidades Mediterráneas; e de Rusia e outros países non comunitarios no das Cidades Bálticas).

A CECICN créase a instancias, entre outros, da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, que presidiu Sánchez Bugallo ata finais do pasado ano; da "Red Ibérica de Entidades Transfronterizas",

RIET, constituída en Cáceres o pasado ano a instancias do Eixo Atlántico (34 cidades de Galicia e do Norte de Portugal) e de Triurbir (5 cidades de Estremadura e o Alentejo portugués) e que agrupa case a totalidade das entidades transfronteirizas da fronteira hispano-lusa.

A nova entidade constitúese na práctica como un gran lobby de cidades de territorios de fronteira que poda facer forza diante de Bruxelas para recibir apoios e axudas aos territorios onde se asenta cerca do 38% da poboación da UE.

Compartir: