COMERCIO

Spiral, Mama Egué e Castelcán, gañadores da edicion de primavera do Concurso Municipal de Escaparatismo

22/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os comercios gañadores da Edición de Primavera do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. O primeiro clasificado foi Spiral; o segundo Mama Egué; e o terceiro Castelcán.

Nesta convocatoria presentáronse 27 establecementos, pertencentes a quince sectores de actividade distintos: seis de moda, catro de decoración, tres de artesanía, dous de alimentación e dous relacionados coa música. O resto son tendas de deportes, complementos, produtos de veterinaria, materiais de construción, xoguetarías, xoiarías, librarías, peletarías, ópticas, e zapatarías.

O establecemento clasificado en primeiro lugar foi a Spiral, unha tenda de moda situada na rúa do Doutor Teixeiro, número 30. O xurado valorou a orixinalidade, sinxeleza e impacto visual do escaparate. Xoga con botellas de vidro verde que fan de floreiro e lle dan homoxeneidade ao conxunto, como un campo de flores no que se expón a mercadoría.

O segundo premio acadouno Mama Egué, unha tenda de artesanía africana situada na rúa da Algalia de Arriba, número 5. O xurado valorou a ambientación, a orixinalidade e a creatividade da composición. Destaca o uso da vexetación e as cores de África, para crear un camiño cara o vello continente no que está perfectamente integrada a mercadoría.

O terceiro premio foi para Castelcán, unha tenda de produtos de veterinaria, situada na rúa de García Prieto, número 10. O xurado valorou a orixinalidade do conxunto e o doble sentido da escenografía, que recrea un parque infantil utilizando xoguetes de cans.

O xurado estaba integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Segundo establecen as bases valora conceptos como a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión prima tanto o escaparate como o interior do comercio. A edición de primavera do concurso forma parte da campaña Esta primavera, máiscomercio. Merca en Compostela. A túa capital de compras; e enmárcase na liña de dinamización comercial do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña.

Pecados de Compostela, gañador anual de Escaparatismo
O gañador anual do Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping escóllese entre os establecementos participantes que tiveran unha maior presenza, continuidade e esforzo ao longo das catro edicións anuais do certame. O gañador anual de 2009 é Pecados de Compostela. Esta tenda de delicatessen, situada no cantón do Toural, número 5, quedou primeira na edición de verán do concurso e terceira na edición de outono.

Na edición de verán, Pecados de Compostela buscou a inspiración no fondo do mar. O xurado valorou o formato innovador do escaparate, con alusións a elementos mariños e cores azuladas, integrado no concepto global da tenda. Na edición de outono, o xurado tivo en conta a evocación a esta época do ano, nunha coidada composición na que predominaban as formas outonais, como bombóns con forma de castañas, e as cores propias desta estación, como son os distintos tonos de marróns e laranxas.

Compartir: