CONSORCIO

O Consorcio recupera nunha publicación un curioso caso de contrabando do século XVII

21/04/2010 O Consorcio de Santiago e Nigratrea presentan un novo título da Biblioteca Científica Compostelá, El tabaco y el incienso. Un episodio compostelano del siglo XVII, que rememora un episodio de contrabando de tabaco no século XVII e que tivo por protagonista ao monxe de San Martiño Pinario Frei Gregorio Balboa, quen tamén era prior de Vilanova de Arousa.

O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a nova publicación nun acto celebrado no Centro Social Caixanova. Acompañárono o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o autor do libro, Baudilio Barreiro; e o editor de Nigratrea, Gonzalo Allegue.

O libro narra coma monxe beneditino Frei Gregorio Balboa aproveitou o envío das súas rendas cara aos mercados do Cantábrico para introducirse no contrabando do tabaco, procedente do porto libre de Bilbao, a modo de carga de retorno e amparándose nos seus privilexios eclesiásticos. Conformou un equipo de colaboradores asturianos e galegos, tanto cregos coma laicos, que actuaban tanto na cidade de Santiago coma no ámbito da ría de Arousa, onde desenvolvían o seu labor de apoio e encubrimento.

A historia, con todos os elementos propios dunha auténtica novela de acción e intriga, conta tamén cun personaxe antagonista de Balboa, o abade Juan de Landa, inimigo do prior e que conseguiu abrir un proceso xudicial contra el. Ambos personaxes representan os dous bandos, reformadores e continuistas, que nesa época existían no mosteiro de San Martiño Pinario, un dos máis poderosos de Galicia.

A historia repasa as peripecias das viaxes en barco e os desembarcos e remata coa captura e proceso xudicial do encausado quen, non obstante, foi quen de fuxir.

O autor
Baudilio Barreiro Mallón licenciouse en arqueoloxía en Roma en 1961 e cursou os seus estudos de xeografía e historia na Universidade de Santiago, doutorándose en 1973. Foi profesor na universidade compostelá ata 1978, ano no que obtén a praza de catedrático de Historia Moderna da Universidade de Estremadura e, posteriormente, das universidades de Oviedo e da Coruña.

A súa liña de investigación comezou nos campos da demografía e da historia rural, continuando cara a historia social, da cultura e das mentalidades, con especial atención ao estamento eclesiástico e a súa función cultural, máis alá da sociorelixiosa, decisiva para a sociedade galega da Idade Moderna.

Compartir: