CENTROS SOCIOCULTURAIS

Entréganse os premios dos Certames Literarios da Rede de Centros Socioculturais

20/04/2010 O venres 23, Día do Libro, entregaranse os premios da IX edición do Certame de Relato Curto José Saramago e da VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre, certames literarios que organiza a Concellaría de Centros Socioculturais. Os gañadores dos premios foron Alberte Momán, con Sermos un, na edición de poesía, e Diego Giráldez, con Un cometa para unha despedida, na edición de relato curto. A entrega de premios será na Biblioteca do CSC das Fontiñas ás 20:00 horas. No acto, que rematará cun viño, a poetisa María Lado fará un pequeno recital.

Alberte Momán (Ferrol, 1976) ten publicados xa varios libros: O lobo da xente, O alento da musa, Ferrol e o que queda por chover, Erótica, Baile Átha Cliath e A crise irredutible; Ademais, participou en diversos volumes colectivos: Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía Escarlata, Isto é un poema e hai xente detrás e A porta verde do sétimo andar. Ten levado xa numerosos premios, entre eles o Premio Francisco Añón de Poesía, o Premio Narrativas Quentes, o Premio de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá, o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, o de Poesía do Concello de Ames e unha Mención de Honra no GZCREA.

O xurado valorou positivamente a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real, permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social. "Poesía natural e sincera, breve e sinxela. Unha confesión poética, un camiño que pasa pola deconstrución e a renuncia de nós propios, nunha viaxe que torna coa resolución firme de non esquecer, a memoria inmorrente, e de estar na historia que é de todo un pobo. Só a través do amor -que sabemos e faremos posible- percorreremos o camiño da paz que queremos que é semente de vencer para o noso futuro… ".

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) é licenciado en Historia da Arte pola USC. Na actualidade traballa como redactor xefe do xornal galego A Peneira e coordinando o seu suplemento cultural Kalaikia. Escribe artigos de opinión en Xornal de Galicia e Santiagosiete de Compostela, e ten unha sección de crítica de libros de ensaio no semanario A Nosa Terra. Por outra banda, dirixe a revista de historia do Porriño Malladoura. Ten publicado os seguintes libros: O Porriño. Arquitectura Urbana, en coautoría co historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga; Antonio Palacios, arquitecto do Porriño, editado polo Concello do Porriño; e Marucoga. Historia do primeiro matadoiro industrial de Galicia, de Edicións Alén Miño.

Destacouse da súa obra por parte do xurado a solidez da linguaxe; unha tensión ben dosificada durante todo o relato, a intriga e o misterio que envolve o argumento até o derradeiro parágrafo, e a descrición precisa das personaxes. "Un cometa para unha despedida aparece ante nós como un relato de sutil ciencia-ficción salferida con certas doses de enigma científico, pero en realidade trátase do relato dunha disidencia: a do individuo fronte aos imperativos da historia, a ciencia ou a relixión. Co pretexto cósmico dun cometa, Mateo Valverde viola as leis do tempo e revélase como un consumado escapista ante os ollos do lector. Un conto narrado con mestría nos efectos especiais que mantén gratamente o suspense."

Os premios foron fallados o 26 de febreiro por un xurado composto, no caso do Certame de Poesía, por Socorro García Conde, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais; Patricia Núñez, secretaria, coordinadora de clubs de Lectura dos Centros Socioculturais; Rosa Enríquez Noya, poeta; e Xulio Noia Liste, técnico da Rede de Centros. No caso do certame de Relato Curto foron: Socorro García Conde, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais; Patricia Núñez, secretaria, coordinadora de clubs de Lectura dos Centros Socioculturais; Estíbaliz Espinosa, gañadora do Certame no ano anterior; Xulio Noia Liste, técnico da Rede de Centros; e Francisco Cillero, bibliotecario da Rede de Centros.

Compartir: