XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o contrato de colocación de postos na Alameda durante as festas da Ascensión e do Apóstolo

20/04/2010 Entre os asuntos aprobados na Xunta de Goberno ordinaria do 20 de abril figura a adxudicación provisional da colocación de postos na Alameda durante as festas da Ascensión e do Apóstolo, e a adxudicación do mantemento e conservación dos campos de fútbol de San Lázaro.

O contrato de concesión de bens de uso público na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo 2010 adxudicouse por un importe de 98.326 euros. O adxudicatario será o encargado de xestionar a disposición de atraccións e postos durante as devanditas festas.

Por outra parte, adxudicouse provisionalmente o servizo de mantemento e conservación dos terreos de xogos dos campos de fútbol de San Lázaro I,II e zonas verdes anexas, por un importe de 47.900 euros. Respecto doutra área de lecer, neste caso o parque de Salgueiriños, abriuse o expediente para a contratación do seu servizo de mantemento, reservado a centros especiais de emprego, cun tipo de licitación de 76.381 euros.

En materia de Educación, acordouse solicitar unha subvención de 152.152 euros á Consellería de Educación para o cofinanciamento do Programa de Apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo. Tamén se acordou achegar 18.698 euros para dar cumprimento ao convenio asinado coa Fundación "la Caixa" para o programa Cibercaixa. Quedamos ao saír de clase. O Concello faise cargo do persoal e do mantemento e a Fundación ocúpase do material.

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou o financiamento con 35.000 euros do convenio entre a USC e o Concello para o desenvolvemento do Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación 2009-2010.

Compartir: