ALCALDÍA

O reitor explicou o proxecto do Campus Vida ao Consello Municipal de Educación

19/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a sesión ordinaria do Consello Municipal de Educación. Na orde do día figuraba a presentación do proxecto Campus Vida.

Foi o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, quen realizou a devandita presentación aos membros do Consello. Na xuntanza tamén interviu o alcalde para expor a Planificación Urbanística e Educativa de Santiago.

O resto dos puntos da orde do día correspondíanse coa explicación dos proxectos presentados ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade; coa delimitación das áreas de influencia dos centros públicos e privados concertados de Compostela, a cargo da Inspección de Educación de Santiago; así como co inicio do procedemento para a renovación de membros do Consello Municipal de Educación.

Este Consello está integrado por dez profesores (seis do ensino público e catro do privado) dos niveis educativos correspondentes ao ámbito do ensino non universitario do municipio de Santiago de Compostela; seis pais/nais de alumnos/as; catro alumnos; dous representantes do Movemento de Renovación Pedagóxica; un director de Centro Público de Educación infantil e Primaria; un director de Centro Público de Secundaria; un titular de Centro privado ou concertado; dous representantes de sindicatos; un especialista en temas educativos, nomeado/a polo Pleno da Corporación municipal; un representante da Asociación de empresarios; un representante do movemento veciñal; e un representante da Administración educativa.

Compartir: