PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Destacados especialistas debaterán sobre pedagoxía nas xornadas "Unha nova ollada en torno ás Misións Pedagóxicas"

19/04/2010 Os días 21 e 22 de abril, na Casa das Asociacións, destacados representantes de ámbitos da pedagoxía, da investigación, da historia da educación, da arte ou do xornalismo, compartirán co público as súas reflexións e ensaiaran respostas a novos interrogantes dende as perspectivas histórica e de xénero. Será nas Xornadas de Comunicación e Debate Unha nova ollada en torno ás Misións Pedagóxicas.

A Concellaría de Participación Cidadá desexa enriquecer a mostra As Misións Pedagóxicas 1931-1936 cun formato participativo que permita reactualizar os afáns desa xeración de mozas e mozos intelectuais, pintores, escritores ou mestres que traballaron con ilusión xunto aos habitantes de aldeas e vilas nas Misións, porque conservalos na memoria da historia como parte do pasado faríanos perder a relación vital co noso tempo presente e futuro.

Tanto estas xornadas como a exposición están dirixidas a todas as persoas interesadas nas problemáticas da innovación educativa, na historia, nas perspectivas de xénero na historia da arte e a educación, e nos modos de produción e difusión cultural. Estudantes, profesores universitarios e público en xeral están convidados a participar.

Estas xornadas de comunicación, reflexión e debate pretenden establecer diálogos coa finalidade de resituar definicións actuais sobre: a educación cidadá, o acceso aos bens culturais, a pegada deixada polas mulleres no fomento da ensinanza e a cultura, o feminismo nas aulas e na produción cultural, etc. Procuran ademais confrontar as perspectivas de xénero na historia da arte e a educación, no marco das Misións e na actualidade.

A exposición
A exposición As Misións Pedagóxicas 1931-1936 continuará aberta ata o 30 de abril. A versión itinerante da mostra que a Concellaría de Participación Cidadá acolle na Casa das Asociacións, está baseada no proxecto orixinal da mostra organizada polo Ministerio de Cultura, do proxecto Fundación Francisco Giner de los Ríos, (Institución Libre de Ensinanza) e producida pola Residencia de Estudantes. Conta ademais coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia.

A mostra, comisariada por Eugenio Otero Urtaza, ofrece ao público compostelán a oportunidade de coñecer as Misións Pedagóxicas e divídese en varios apartados que percorren dende os antecedentes desta experiencia — que hai que buscar en torno a 1881, cando desde a Institución Libre de Ensinanza, Francisco Giner de los Ríos propuxo unha serie de medidas para a reforma da instrución pública, entre as que se incluía a creación de "misións ambulantes"— ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas (que repartiu máis de cinco mil bibliotecas e máis de medio millón de libros), o Museo do Pobo, o Servizo de Cine e proxeccións fixas, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches.

Compartir: