EDUCACIÓN

Aprendendo a ler dende o berce

17/04/2010 A Galería Sargadelos acolleu unha sesión especial dentro da X Campaña Municipal de Animación á lectura, organizada pola Concellería de Educación, na que os protagonistas foron os máis pequenos da casa: os nenos e nenas de 0 a tres anos.

Baixo o título Do Berce á lúa, sesións de contos para bebés, esta actividade quere poñer en contacto coa lectura os nenos dende a máis tenra infancia. En total participaron uns 50 bebés nas dúas sesións programadas polo Departamento de Educación, un éxito de asistencia. Os máis pequenos pasaron unha hora escoitando os contacontos e familiarizándose cos libros, coa lectura e coas máis variadas historias nun clima agradable e motivador que busca estimular a escoita e o poder da palabra.

A X Campaña de Animación á Lectura continúa a fin de semana que vén coa sesión Contos a carón da lareira, na que poderán participar os nenos e nenas de máis de 3 anos, así como os pais e nais e as persoas interesadas. Os que queiran anotarse só teñen que dirixirse ao Departamento de Educación sito na rúa do Vilar, número 13 (dptoeducacion@santiagodecompostela.gal ou 981554400). A cita será o sábado 24 ás 12.00 na Galería Sargadelos.

Por décimo ano consecutivo está en marcha a Campaña Municipal de Animación á Lectura, promovida pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora. A programación transcorrerá ata o 22 de maio na Galería Sargadelos, nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre, e tamén no IES de Sar.

O obxectivo desta iniciativa, que chegará a máis de 5.000 escolares de Santiago e da bisbarra, é aproximalos á lectura, inculcarlles o aprecio polas producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural nun contexto crítico e selectivo, e promover a tradición e a expresión oral da lingua.

Compartir: