XUVENTUDE

A terceira edición do "MúsicaXove" enfronta a seis de grupos de metal e pop-rock

16/04/2010 O III Certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude, xa ten seleccionados os seus participantes, un total de seis grupos elixidos entre as 43 propostas iniciais de toda Galicia, 31 bandas de pop-rock e 12 de metal.

As finais celebraranse o xoves 22 de abril e o venres 7 de maio na Sala Capitol. Os participantes competirán por ser os mellores na súa categoría musical: nesta edición en pop-rock e heavy-metal, xa que o hip hop vaise reservar para un concurso nas Festas da Ascensión, e a modalidade folk queda cuberta co prestixioso Certame Folk Radio Obradoiro, que este ano alcanza a súa undécima edición.

Entre os requisitos máis importantes para poder participar destacan o non ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica. En canto ao xurado, estará composto por especialistas do mundo da música, que valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Os seus membros son o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, en calidade de presidente; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa, Francisco Villasenín; o músico Lucas Rey; e como secretaria, a técnica do Departamento de Xuventude Noela Vilas.

Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final, escoitará previamente as maquetas, para seleccionar como mínimo a tres participantes por modalidade. Os seleccionados tocarán obrigatoriamente no concerto os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre.

Os premios serán os seguintes:

1.- Dous primeiros premios, un por modalidade, de 2000 euros cada un.
2.- Dous segundos premios, un por modalidade, de 1000 euros cada un.
3.- Dous terceiros premios, un por modalidade, de 500 euros cada un.

Ademais, os finalistas terán a posibilidade de participar na edición dun disco recompilatorio de cada unha das actuacións, e de difundir a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo e terceiro clasificado en cada categoría.

Finalistas
As finais comezarán o xoves 22 de abril, ás 22:00 horas, na Sala Capitol, coa competición dos grupos de metal: Desequilibrio Mental (Teo), Nightcrawler (Santiago) e Empezar de Zero (Arzúa). Pola súa parte, os finalistas na categoría de pop-rock competirán o venres 7 de maio, ás 22:00 horas, tamén na Capitol. Participan os grupos Belöp (Redondela), Por placer (Vigo) e Frab Fly (Santiago).

Para facilitar o nacemento de grupos musicais, os rapaces de Santiago dispoñen dun local de ensaio en San Lázaro con dúas salas independentes onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. Tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados pola Concellaría de Xuventude e Festas ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

O Departamento edita unha publicación cunha listaxe dos grupos que ensaian nos Locais Municipais, como un recurso importante para a promoción das bandas que alí teñen o seu punto de encontro e de ensaio, dirixida e distribuída entre a prensa especializada, departamentos de cultura e de festas dos concellos de Galicia, produtores musicais, salas de música e promotores de concertos.

Documentos relacionados



Compartir: