TURISMO

A cidade acollerá o 21 de maio un gran desfile de celebración do 30 aniversario da estrea de "O imperio contraataca"

16/04/2010 A cidade converterase o 21 de maio nunha cidade de referencia nas celebracións do 30 aniversario da película O imperio contraataca que se van facer en todo o mundo cun gran desfile das tropas imperiais polo Casco Histórico da cidade. Rematará na praza do Obradoiro, fronte as torres da Catedral, onde Darth Vader pasará revista acompañado pola Marcha Imperial, interpretada por un grupo de gaiteiros. Trátase dunha iniciativa popular, nacida a partir da vontade dun grupo de fans composteláns da saga Star Wars.

Turismo de Santiago colabora na iniciativa, difundindo a mesma a través das súas canles de comunicación, porque considera que se trata dun evento cun gran potencial promocional da cidade tanto no mercado doméstico, como nos mercados internacionais, xa que a saga Star Wars conta con millóns de seguidores en todo o mundo. Ademais, neste momento hai confirmada a participación de persoas e grupos procedentes de diversos puntos de España, xerando pernoctacións na cidade.

O gran desfile das tropas imperiais comezará o 21 de maio ás 17:00 horas na praza de Mazarelos. O desfile pasará pola rúa das Orfas, praza do Toural, rúa do Vilar e praza das Praterías, para rematar na praza do Obradoiro. Estímase que a duración do desfile será de dúas horas. Antes, habilitarase o Mercado de Abastos de Santiago, que tamén colabora no evento, para que os participantes poidan cambiarse.

A participación no desfile é gratuíta, pero a organización distingue dous tipos de participantes. Os que acudan disfrazados e os que acudan caracterizados. A diferenza radica no grao de similitude cos traxes orixinais da película. A organización distribuirá a cada un dos participantes en función desta diferenciación para que o evento sexa o máis lucido posible, buscando a maior harmonía entre os participantes.

Co obxecto de contar con vestimentas o máis similares posible aos da saga, estanse organizando talleres de fabricación de traxes para que as persoas interesadas poidan contar coa súa caracterización. Actualmente hai catro obradoiros en funcionamento, dous en Santiago de Compostela, un na Coruña e outro en Vigo, no que arredor de 100 persoas están fabricando a súa armadura de stormtrooper. Neste momento xa non se pode inscribir ninguén máis para construír armaduras de stormtrooper por falta de tempo, xa que son moi complexas de producir, pero si se poden inscribir para confeccionar uniformes de oficial imperial -os outros soldados do Imperio-, que teñen unha dificultade de confección moito menor.

O desfile tamén ten en conta aos máis pequenos, que poden participar no mesmo, caracterizados como algún dos personaxes baixiños da saga, como personaxes infantís ou disfrazados coma calquera personaxe. Tamén se buscan voluntarios que queiran colaborar na organización do evento e no seu desenvolvemento polas rúas de Compostela o 21 de maio.

Toda a información do desfile pode consultarse na web www.imperialstormtroopers.com, que conta cunha versión en inglés para a difusión internacional do evento. Tamén hai un grupo creado en Facebook, onde na actualidade se conta con 1.800 fans.

Compartir: