CIDADE

Siza recibe a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural e o título de fillo adoptivo da cidade

02/12/2005 Dentro dos actos que están a conmemorar o vinte aniversario do nomeamento de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade, Álvaro Siza recibiu o venres 2 de decembro de mans do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural e o nomeamento de Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela.

Estes recoñecementos foron aprobados por unanimidade no pleno do pasado 27 de outubro. Siza participou no Plan Especial de Rehabilitación de Santiago e é o autor do CGAC, a facultade de Ciencias de Comunicación e o parque San Domingos de Bonaval.

Durante a mañá do venres 2, a xornada "Celebramos Patrimonio, Celebramos Compostela 1985-2005", que inaugurou o venres 2 pola mañá o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), contou coa presenza do arquitecto portugués Álvaro Siza, recoñecido internacionalmente cos máximos galardóns (Premios Pritzer e Mies van der Rohe) e considerado un dos máis singulares arquitectos contemporáneos pola profunda pegada que deixa o seu singular e poético tratamento dos espazos públicos e da luz, dará unha conferencia.

Tras a conferencia de Álvaro Siza, que fixo un percorrido polas súas obras en todo o mundo, o CGAC acolleu o debate "Compostela vinte anos despois: novos horizontes", no que participaron Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Javier Eugenio Ramos Guallart, secretario xeral de vivenda do Ministerio de Vivenda; Francisco Candela Castrillo, concelleiro de turismo do Concello de Santiago e Rubén Lois, director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, moderados por Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico de Santiago.

Santiago de Compostela foi nomeada o 4 de decembro de 1985 cidade Patrimonio da Humanidade pola Unesco, se ben o galardón non lle foi entregado ata marzo de 1986 recoñecemento de Santiago como Patrimonio da Humanidade foi posíbel, en palabras do propio alcalde, "porque composteláns coma vós, veciños da cidade histórica, mantiveron vivo e fermoso, cos seus coidados e cariño, o noso máis prezado tesouro: a cidade histórica. Foron, fustes, os artífices e protagonistas deste título que situou a nosa cidade entre as máis estimadas e recoñecidas do mundo, polo seu patrimonio histórico e monumental".

Compartir: