EDUCACIÓN E XUVENTUDE

Dous galegos percorrerán a pé 6.000 quilómetros dende o Cabo do Norte (Noruega) ata Santiago

16/04/2010 Andrés Fraga e Juan Ribas "Coru" percorrerán a pé os 6.000 quilómetros que separan a localidade norueguesa de Nordkapp e Santiago. A súa peregrinación conforma o proxecto 6 millóns de pasos. O Concello colabora con diferentes actividades de apoio ao proxecto, do que finalmente sairá un documental en alta definición.

Os concelleiros de Educación, Mercedes Rosón, e de Xuventude, Xosé Baqueiro, acompañados dos dous protagonistas, Andrés Fraga e Juan Rivas "Coru", presentaron esta singular peregrinación. Os dous camiñantes voarán o domingo 18 a Tampere (Finlandia), onde realizarán os últimos preparativos antes de subir a Cabo Norte (Noruega) e comezar a camiñar cara o sur o mércores 21.

A travesía, que conta co apoio de varios patrocinadores, poderá seguirse en tempo real a través da web do proxecto, www.6mpasos.com, dun blog e de redes sociais como Facebook ou Twitter, entre outras. Esta posibilidade de comunicación dependerá da utilización de dispositivos móbiles avanzados proporcionados por Nokia e dun operador de telefonía móbil que garanta a cobertura nos lugares máis remotos.

Durante a viaxe tamén filmarán imaxes en HD que converterán, unha vez de volta na casa, nun documental "realista, co que calquera se poida sentir identificado", segundo afirma Andrés Fraga. Aínda que a aventura está a punto de comezar, o proxecto continúa na súa busca de máis patrocinadores que axuden a facer estes próximos seis meses algo menos duros. Por isto, os dous protagonistas fixeron un chamamento a institucións e empresas para lograr máis achegas económicas.

"Esta viaxe, máis que un reto deportivo, é un reto comunicativo", apuntou Andrés Fraga, referíndose á posibilidade de contar a experiencia cada día. Neste sentido e tamén á vista da colaboración que están recibindo de empresas finlandesas ou suecas, dixo que "éte é un proxecto que nace en Santiago, pero que ten un obxectivo internacional".

Seis millóns de pasos
Seis millóns de pasos son os que separan o punto máis boreal e o máis occidental de Europa. 6000 quilómetros entre o cabo de Nordkapp en Noruega, ata Santiago de Compostela, seguindo un dos trazados do Camiño de Santiago. Coru e Andrés cruzarán toda Europa, visitando as cidades e lugares máis representativos do Camiño. Dende os -15º da planicie polar de Laponia ata as terrazas soleadas de Praga.

Direccións relacionadas



Compartir: