COMERCIO

O 74% dos locais comerciais de Compostela rexistra algún tipo de actividade

16/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou as conclusións do estudo Censo de locais comerciais do concello de Santiago de Compostela, enmarcado na liña Observatorio Comercial do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán. Cun orzamento de 12.000 euros, realizouse para dar desposta á necesidade detectada pola concellaría de Promoción Económica e Comercio de documentar a situación real dos locais comerciais que existen no concello, en canto a súa ocupación e uso que se lles está a dar.

No estudo elaborouse un inventario dos bens inmobles adicados á actividade comercial en Santiago, así como os dispoñibles en aluguer ou venda. Tamén se rexistraron as características dos locais comerciais da cidade e o seu uso, e datos como: nome comercial, actividade, localización, réxime de propiedade, superficie, antigüidade, número de traballadores ou uso das novas tecnoloxías. Entre as conclusións figura que o 74% dos locais observados están ocupados, e que as actividades predominantes son Café-bar e similares e Téxtil e calzado. Destaca tamén que a meirande parte dos estabelecementos en activo está en réxime de aluguer (64%), e que predominan os locais de entre 51 e 100 metros cadrados (35,2%) e os de entre 4 e 10 anos de antigüidade (27%).

A metodoloxía empregada pola empresa Proxectos, Consultoría e Formación, S.L, que realizou o estudo, foi a observación directa, complementada cunha enquisa presencial por medio dun sistema informático que permite, nun só paso, a recollida e codificación da información relativa ás características dos estabelecementos en activo. Completouse cunha mostra fotográfica dos comercios. Na mostra obxecto de análise para o conxunto do concello tívose en conta o Censo Nacional de Empresas de Camerdata (o ficheiro de empresas das Cámaras de Comercio).

As conclusións do estudo, en cada un dos apartados en que se dividiu, son as seguintes:

Características da oferta de locais comerciais: Neste apartado realizouse unha análise da oferta de locais comerciais do concello en función do nivel de ocupación, e a disposición dos que se atopan baleiros, é dicir, se se ofrecen en réxime de aluguer, en venda ou non se dispón desa información. Os datos máis siñificativos son os seguintes:

• O 74% dos locais comerciais observados (2.476 sobre unha mostra de 3.348) están ocupados.
o Os niveis máis altos de ocupación preséntanse nas zonas do Ensanche, Salgueiriños-Amio, Polígono Industrial do Tambre e San Lázaro. As zonas que concentran maior número de locais comerciais son O Ensanche, e a Cidade Histórica.
o Na análise por sectores obsérvase que os 2.476 locais comerciais ocupados pertencen, en maior medida, ao sector do Café-bar e similares, (observáronse 465, o 18,8%). A continuación sitúase o sector do Téxtil e calzado (399, o 16,1%), Outros servizos e comercios (11,2%) e Alimentación 10,5%).
o Por zonas, na Cidade Histórica, Vista Alegre-Vite-San Caetano, Salegueiriños-Amio-Polígono do Tambre, Sar-Pontepedriña-Paxonal, e Conxo-A Rocha, predominan os estabelecementos comerciais do sector Café-bares. No Ensanche predominan os estabelecementos de Téxtil e calzado. Os maiores porcentaxes de hoteis concéntranse en Fontiñas, Zona Monumental e San Lázaro. E nas zonas de San Pedro-Concheiros e Fontiñas predominan Outros comercios e servizos.

• O 26% dos locais comerciais observados (872 sobre unha mostra de 3.348) están baleiros. Destes, 282, o 32,2% están en aluguer, 62, o 7,1% en venda, e os 528 que restan, o 60,6%, non dispoñen de información sobre a súa dispoñibilidade.

Características dos locais comerciais en activo: Neste apartado móstrase unha análise das principais variables que caracterizan aos estabelecementos comerciais do concello. Sobre unha mostra de 1.551 comercios, mediante a técnica de enquisas, os resultados foron os seguintes:

Réxime de propiedade: a maioría dos comercios, 992 (64%) están en réxime de aluguer, 439 (o 28,3%) en réxime de propiedade. O resto está en outro réxime (3%) e o 4,8% non sabe ou non contesta.
o Réxime de aluguer: 873 locais, o 88%, teñen alugueres posteriores a 1985 e o 10,7% (106) anteriores a esa data.

Antigüidade: o 27% dos estabelecementos (419) teñen unha antigüidade de entre 4 e 10 anos. A continuación sitúanse os de máis de 20 anos, que son 415 comercios e representan o 26,8% do total da mostra. En terceiro lugar está a franxa de entre 11 e 20 anos, con 291 comercios, o 18,8%. Os de menos dun ano, 124 comercios, representan o 8%. A maior porcentaxe de estabelecementos novos (de menos dun ano de antigüidade) localízase, cun 9,6%, no Ensanche, seguido, cun 8% de Vista Alegre-Vite-San Caetano.

Tamaño do estabelecemento: O grupo máis numeroso corresponde cos estabelecementos que teñen unha superficie de entre 51 e 100 metros cadrados. Representan o 35,2%. A continuación sitúanse os que contan cunha superficie de entre 101 e 200 metros cadrados (331, o que representa o 21,3%), seguido dos de entre 25 e 50 metros cadrados (315, o 20,3%). O maior número de locais de menos de 25 metros cadrados localízase na Cidade Histórica ou Zona Monumental (son 68, o 17,8%). En canto aos locais de máis de 200 metros, onde máis abundan e nas zonas de Fontiñas (12 locais que representan o 21,1%) e San Lázaro.

Nivel de emprego: A análise de datos respecto ao número de persoas que teñen empregadas os comercios de Santiago (incluíndo ao propietario) amosa que a maioría contan con dous traballadores (33,9%). A continuacion sitúanse os estabelecementos que teñen entre 3 e 5 persoas empregadas (29,3%) e os que só teñen unha persoa (23,9%). Os cadros de persoal máis reducido, cunha soa persoa empregada, concéntranse en tres zonas: na Cidade Histórica (136 comercios, o 35,7%) Sar-Pontepedriña-Paxonal (29comercios, o 37,2%), e Conxo-A Rocha (16 comercios, o 37,2%).

Equipamento tecnolóxico: As ferramentas tecnolóxicas máis xeralizadas por orde de importancia son, por esta orde: o teléfono (presente en 1.414 estabelecementos, no 91,2%), a caixa rexistradora (en 1.050, o 67,7%) e internet (en 824, o 53,1%).

Documentos relacionados



Compartir: