ALCALDÍA

O investimento en 2010 manterá o nivel dos 400 euros por habitante

16/04/2010 Malia o contexto económico actual, á redución de ingresos e aos recortes no gasto corrente, o investimento real en 2010 manterase non nivel dos 400 euros por habitante, segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O obxectivo para este ano é investir 38 millóns de euros "como mínimo, xa que é previsible que se superen os 40".

Sánchez Bugallo explicou que as prioridades para 2010 serán, por esta orde "manter a prestación de servizos, manter a capacidade inversora e evitar un déficit que puidera hipotecar máis adiante outro escenario económico". Recordou que en 2009 se executaron obras por 32,5 millóns de euros e se contrataron outras por 7 millóns máis, situando o nivel de investimento por habitante nos 400 euros, cifra que se manterá en 2010.

Respecto da liquidación do orzamento de 2009, que deixou un déficit de 813.000 euros, subliñou que este está, "moi lonxe dos déficits públicos de Estado ou Comunidade Autónoma", e é froito "un enorme esforzo de contención do gasto, realizado ante a previsible redución de ingresos". Engadiu o dato dos 2,6 millóns de facturas abonadas pendentes procedentes de 2008. Sen estas, aclarou, "a liquidación mesmo tería quedado cun lixeiro superávit".

Sobre a minoración dos ingresos, imputouna non só ás consecuencias derivadas da crise no sector da construción, senón tamén á redución do que o Estado achega en función do recadado por IVA, IRPF e imposto de sociedades. Por estes conceptos, apuntou que a previsión para 2010 é ingresar 3,5 millóns menos (xa en 2009 se recibiran 2,5 millóns menos).

Remanente para obras prioritarias
Tamén no capítulo orzamentario, confirmou a incorporación inicial de 16 millóns de euros de remanentes, aínda que a previsión é superar os 20 millóns. Este diñeiro utilizarase para "atender demandas sociais prioritarias e acabar o que xa está empezado". Desta cantidade, 2,1 millóns empregaranse no arranxo de beirarrúas e 510.000 euros para a adecuación de beirarrúas.

Estas obras máis urxentes acometeranse de xeito inmediato. Unicamente se está pendente para iniciar os expedientes de contratación de que Intervención confirme se esta incorporación de remanente debe ser sometida ao Pleno municipal ou é suficiente a súa aprobación pola Xunta de Goberno. O primeiro dos supostos, en cuxo caso o tema se trataría no Pleno do 29 de abril, dilataría algo máis o inicio das obras.

Ampliación da AP-9
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén confirmou a presenza mañá sábado en Santiago do ministro de Fomento, José Blanco, para presentar o proxecto de ampliación da autopista AP-9 no seu tramo urbano. A propósito do ministro, Sánchez Bugallo, expresou a súa "extraordinaria satisfacción" pola "atención" que este presta a Santiago. "Coas obras que se presentarán mañá, teremos obras en Santiago executadas por Fomento por 470 millóns de euros aproximadamente, e isto sen contar a estación do AVE". Tamén están pendentes obras máis pequenas, como a duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre e o túnel de Conxo.

Datos turísticos
Finalmente, o rexedor compostelán referiuse á evolución dos datos turísticos deste Ano Xacobeo, expresando o seu "moderado optimismo" á vista dos mesmos. "Este non vai ser o mellor Ano Santo da historia, pero si se está notando positivamente", indicou.

Sobre os datos do tráfico do aeroporto de Lavacolla, valorou o incremento do 9,7% en marzo respecto ao mesmo mes de 2008), se ben incidiu en que "a modestia do noso crecemento contrata co 17% de subida de Porto". A propósito da ocupación das novas conexións aéreas recentemente postas en marcha, afirmou que se produciron resultados "diferentes e desiguais". Así, recordou, a liña a Zúrich dende Lavacolla tivo unha ocupación do 87%, polo 53% da lanzada dende Alvedro a Amsterdam e o 42% de ocupación da conexión de Peinador con Bruxelas.

Compartir: