CULTURA

Curtocircuíto celebrará un encontro de cineastas galegos durante a Semana Oficial

15/04/2010 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, organizado pola concellaría de Cultura, celebrará unha xornada dedicada ao encontro de profesionais do audiovisual galego. A cita será durante a súa Semana Oficial, o martes 25 de maio, e terá lugar na Zona C, sede do V Mercado Internacional de Curtametraxes.

A actividade enmárcase dentro dunha serie de encontros profesionais que forman parte do programa do Mercado, con fin de que os cineastas galegos coñezan de primeira man o Festival e poidan compartir ideas e experiencias cos demais invitados e asistentes.

Os convidados a este encontro poderán visitar a videoteca, que este ano conta cun catálogo de máis de 2.300 curtas, asistirán á presentación da nova rede de televisión da Sala Nasa e coñecerán o proxecto Du Cinéma à l’Envers (Cinema ao Revés), unha curiosa actividade que consiste en realizar unha curta a partir dun cartel xa establecido.

De xeito máis informal, os participantes neste encontro poderán intercambiar ideas nun encontro organizado polo festival no Bar Garum, onde compartirán uns petiscos. A xornada rematará no Teatro Principal, coa proxección das curtas galegas na competición oficial.

Este encontro reforza o apoio que o festival vén dando o audiovisual galego en todas as súas edicións e o seu empeño en involucrar á industria do audiovisual galego no Mercado Internacional de Curtametraxes.

Ademais, durante a Semana Oficial de Curtocircuíto, que se celebrará do 23 ao 30 de Maio, organízanse proxeccións de programas dentro e fóra de concurso, obradoiros, concertos e outras moitas actividades que se poden consultar a través da web www.curtocircuito.org.

Compartir: