CENTROS SOCIOCULTURAIS

Novo pulo á actividade dos centros socioculturais cos programas "Asómate" e "No Campo de Fóra"

15/04/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais está a acometer unha reorganización da Rede de Centros Socioculturais, que tamén afecta á súa programación. Co obxectivo de ofrecer propostas socioculturais para toda a familia, o departamento pon en marcha a segunda edición do programa Asómate, ademais de iniciar unha nova proposta de concertos e divulgación musical, No Campo de Fóra.

A titular de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, explicou que Asómate "é un programa que vai dirixido ás familias, aos públicos de todas as idades, a través dunha ampla e diversa programación sociocultural". Púxose en marcha o ano pasado, e este mes de abril arranca unha nova edición, na que haberá "musica, teatro, contacontos, maxia, monicreques, obradoiros e recitais literarios para compartir o tempo de lecer", sinalou a concelleira. En total son máis de 80 actividades programadas para este trimestre, caracterizadas pola diversidade de propostas e públicos ao que van dirixidas.

Baixo a marca Asómate englóbanse tanto as actividades propias do programa coma as inseridas nos diferentes ciclos da Rede de Centros Socioculturais. É o caso de Compostela Máxica, "un nome que define á cidade e que fixemos noso para levar aos Centros Socioculturais a diferentes magos galegos", sinalou a concelleira. Tamén os ciclos Santiago Encantado e Letras Vivas, nas súas vertentes de creación e animación, centradas no achegamento dos lectores aos escritores e escritoras, e na animación á lectura para o público infantil e xuvenil.

Con estas actividades a Concellaría quere potenciar "o fomento e promoción da lectura nun ano no que vai ter lugar en Compostela o Congreso do IBBY e no que autor homenaxeado no Día das Letras Galegas é un compostelán de adopción", remarcou Socorro García Conde. Así, os centros socioculturais acollerán contacontos, obradoiros de encadernación, recitais poéticos, presentacións de libros, monicreques, exposicións...

Música No Campo de Fóra
Dentro das actividades nos centros socioculturais, a Concellaría de Cultura vai poñer en marcha un novo programa en colaboración con aCentral Folque, na liña de colaborar con outras entidades da cidade. Trátase de No Campo de Fóra, un ciclo de concertos e actividades de divulgación musical que se vai espallar por toda a cidade. Ata o 5 de xuño desenvolveranse nove actividades deste tipo noutros tantos centros de diferentes barrios.

O ciclo comeza o venres 16 no CSC das Fontiñas cun concerto do pianista cubano Alejandro Vargas e a presentación por parte de Ramom Pinheiro do libro A La Habana quiero ir. Os centros socioculturais do Ensanche, Marrozos, A Rocha, Vite, A Trisca, O Castiñeiriño, Amio e Conxo serán escenarios doutros oitro concertos e actividades que amosarán a riqueza musical galega e doutras partes do mundo.

Compartir: