EMPREGO

Promoción Económica e Emprego organiza unha xornada sobre atención temperá

15/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o psicólogo, membro da Asociación Galega de Atención Temperá e asesor do Proxecto Persoa, José Cardama, presentaron a Xornada Interdisciplinar de Atención Temperá Os trastornos emerxentes e o proceso de vinculo na atención temperá, organizada no marco do Proxecto Persoa IV, que desenvolve a propia Concellaría.

Os obxectivos desta xornada son analizar os trastornos emerxentes relacionados coa alteración do vínculo familiar (vínculos entre pais/nais e fillos/as), e actualizar o traballo que se está facendo a nivel español. Trátase dunha nova realidade social que se manifesta, sobre todo, en problemas de aprendizaxe e conduta que afectan ao desenvolvemento de menores.

O Proxecto Persoa IV, a través da especialidade de Atención temperá e estimulación precoz, está preparando profesionais e experimentado novas metodoloxías e actuacións para, por unha banda dar resposta a esta nova demanda do mercado laboral, vinculada ao sector dos servizos ás persoas e, por outra, favorecer a inserción no mercado de traballo das persoas que participan neste programa.

A Xornada Interdisciplinar de Atención Temperá celebrarase o sábado 8 de maio na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Organizada pola Concellaría de Promoción Económica e a Asociación Galega de Atención Temperá, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, conta coa colaboración da EGAP e da Concellaría de Educación. Está dirixida a estudantes e profesionais relacionados coa psicoloxía, psicopedagoxía, logopedia, educación infantil e atención temperá, que poden informarse e inscribirse a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, www.maiscompostela.org, ou a través do correo electrónico servizolocaldeemprego@santiagodecompostela.gal.

A apertura das xornadas está prevista para as nove e media da mañá, a cargo de Xosé Manuel Iglesias e do presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (Agat), Jaime Ponte Mittelbrunn. A continuación, terá lugar a ponencia A normalidade e a diversidade dentro da escola infantil. Marco conceptual, impartida por Sonsoles Perpiñán, licenciada en Psicoloxía e especialista en psicoloxía pedagóxica e atención temperá. Despois dun descanso, desenvolverase o obradoiro Signos de alerta por etapas. Busca de solucións. Pasos a seguir e a continuación o Programa de seguimento do desenvolvemento nas escolas infantís. Proxecto Persoa.

Pola tarde, o psicólogo Juan Carlos Belda Oriola, membro da Xunta Directiva da Federación de Asociacións de Atención Temperá de España, impartirá o relatorio Proceso do vínculo. Teoría do vínculo afectivo. Antes da clausura, prevista para as sete e media da tarde, desenvolverase o obradoiro Escala de maternaxe: un instrumento para a evolución do vínculo.

Compartir: