EDUCACIÓN

Os profesores de música debaten sobre a súa disciplina nunhas xornadas autonómicas

15/04/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou as II Xornadas Galegas do Ensino Musical, organizadas pola Asociación do Profesorado de Música de Secundaria de Galicia (ASOMÚSICA), en colaboración coa Escola Municipal de Música. Celebraranse neste espazo os días 16 e 17 de abril.

Estas xornadas teñen como obxectivos establecer a comunicación fluída entre os diversos corpos do ensino musical, promover o intercambio de ideas e estratexias na didáctica da música. Servirán tamén de reflexión sobre esta como elemento esencial en tódolos niveis do currículo e na sociedade no seu conxunto. Así o explicaron Blanca Bello, de ASOMÚSICA, e Sara Domínguez, directora da Escola Municipal de Música.

Participarán nestas Xornadas profesores de música de primaria, secundaria, bacharelato e conservatorios de Galicia e diversos profesionais da docencia de música interesados polo estado do ensino da música en xeral. A conferencia inaugural, o venres 16, ás 10:00 horas, correrá a cargo de Rubén López Cano, da Escola Superior de Música de Cataluña, baixo o título "Problemas das relacións mente-corpo na práctica e ensinanza da música". Tanto na xornada do venres como na do sábado sucederanse diversas comunicacións e mesas redondas sobre cuestións como o panorama do ensino de música en Galicia, a música na aula, o proxecto lector na área de música, as seccións bilingües ou o estudo de gravación na aula.

Prazos na Escola Municipal de Música
Por outra parte, a concelleira de Educación deu tamén a coñecer os prazos de solicitude e matrícula da Escola Municipal de Música para o curso 2010-2011. Para os alumnados do centro, a reserva de praza será do 4 ao 14 de maio e a matrícula do 18 ao 28 do mesmo mes. No caso dos novos alumnos, as solicitudes deberán formalizarse entre o 31 de maio e o 11 de xuño. Os admitidos matricularanse do 21 de xuño ao 2 de xullo. As listas de admisión estarán expostas o 15 de xuño.

As modalidades nas que os alumnos poderán matricularse son música e movemento, de 3 a 7 anos; danza, a partir de 8 anos; e na ampla gama de especialidades instrumentais a partir dos 8 anos: baixo eléctrico, clarinete, contrabaixo, frauta traveseira, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, óboe, clarinete tradicional, arpa, piano, saxofón, trompa, trompeta, viola, violín, violonchelo e violín tradicional.

Para que os alumnos poidan coñecer os distintos instrumentos e a súa posibilidades, a Escola acollerá dous concertos didácticos os días 28 e 29 de abril, a partir das 19:00 horas. A continuación dos concertos, serán os pais os que poderán participar nunhas sesións nas que lles explicará os aspectos a favor e en contra de cada instrumento.

Compartir: