TURISMO

Santiago é o escenario do filme "Doentes"

14/04/2010 Santiago está sendo entre o 5 e o 16 de abril o prató de rodaxe de Doentes, unha película dirixida por Gustavo Balza, baseada na obra homónima de Roberto Vidal Bolaño, que ficciona un caso real vinculado coa historia recente da cidade e un espazo emblemático, o Hostal dos Reis Católicos. Nos anos 50 do pasado século, o edificio deixou de ser hospital para converterse en hostal por unha decisión de Franco para agasallar cunhas instalacións adecuadas aos visitantes estranxeiros, e concretamente ao presidente estadounidense Eisenhower, quen visitaría a cidade pouco despois.

A historia narra os avatares de dúas magníficas personaxes que percorren a cidade entre as sete da tarde e as sete da mañá, nunha noite trepidante, chea de sorpresas e verdades inconfesables, chamando ás portas e movendo influencias, nunha Compostela de enfermos, peregrinos perpetuos e pobres. As dúas personaxes principais da película están protagonizadas por Antonio Durán "Morris" e por X.M. Oliveira "Pico".

Para a rodaxe da película, na que colabora a Santiago de Compostela Film Commission, estanse tomando localizacións emblemáticas do Casco Histórico, como a rúa Nova, rúa do Vilar, praza da Quintana, praza do Irmán Gómez, praza da Oliveira, praza do Obradoiro, rúa da Moeda Vella ou a rúa de Xerusálem. A música para a película está comporta por Bieito Romero, de Luar na Lubre.

A Santiago de Compostela Film Commission é un servizo de Turismo de Santiago que ten por obxecto promover a imaxe da cidade a través das producións audiovisuais, en aspectos como a promoción da cidade nos mercados doméstico e estatal como escenario para a rodaxe de producións audiovisual, o asesoramento e información a produtoras, tramitación dos permisos municipais precisos para as rodaxes, moitas veces moi complexos dado o caracter patrimonial da cidade, ou procura de localizacións, entre outros.

Compartir: