EDUCACIÓN

Os Premios Educacompostela recoñecen os materiais pedagóxicos máis innovadores

14/04/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta mañá en rolda de prensa a VIII edición dos Premios Educacompostela, organizados polo seu Departamento e por Nova Escola Galega. Estes galardóns recoñecen, premian e difunden publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poden contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Mercedes Rosón destacou o alto número de traballos de calidade que se presentan cada edición procedentes de toda Galicia. Así o reafirmou tamén Xesús Rodríguez, de Nova Escola Galega, para quen este nivel de participación "demostra que hai un interese e unha necesidade no ámbito educativo de Galicia".

O representante da Nova Escola Galega salientou tamén que, grazas aos Premios Educacompostela, "moitos mestres e persoas que traballan no eido educativo senten o seu traballo útil e valorado". Este recoñecemento, dixo, faise a traballos que reflicten unha "pedagoxía innovadora" trasladada a "diversidade de formatos".

Esta nova convocatoria repartirá 2.700 euros en premios: 1.200 para o gañador, 900 para o segundo clasificado e 600 para o terceiro. Os materiais deben estar redactados ou elaborados en lingua galega. Non se tratará en ningún caso de traballos que foran premiados con anterioridade. Os interesados poden participar individualmente ou en grupo. Os orixinais deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 30 de xuño de 2010.

O xurado dos Premios Educacompostela estará composto pola concelleira de Educación, dous representantes de Nova Escola Galega, outros dous do Departamento de Educación, o director/a do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, un representante dos Cefores de Galicia e un representante das editoriais de Galicia.

Na edición de 2009, o gañador foi un traballo denominado Brinquedos, realizado por Xavier López García e Secundino García Mera, do CEIP Mosteiro de Caaveiro, situado no concello coruñés da Capela. O traballo clasificado en segundo lugar titulábase Glosario de artes gráficas en lingua de signos españois, do que eran autores Carlos José Correa Otero e Tareixa Martínez Barral, do IES Leixa, en Ferrol. O terceiro premio recaera no proxecto Unha cidade sustentable, feito polo Centro Xuvenil Don Bosco. Tamén houbera unha mención especial para Retos para unha época. Os ilustradores galegos 1880-1936, froito do traballo de Juan Aguilar Madrazo, M. Mercedes Bangueses Vázquez e José Ramón Iglesias Veiga, do IES Pino Manso, no Porriño.

Compartir: