ALCALDÍA

As cámaras de comercio de Córdoba e Santiago analizan posibles colaboracións

13/04/2010 A delegación do Concello de Santiago encabezada polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que se atopa en Córdoba, mantivo unha xuntanza coa directiva da Cámara de Comercio de Córdoba, presidida por María Dolores Jiménez. Tras explicar polo miúdo o programa Santiago-UNE, os participantes no encontro intercambiaron criterios sobre os aspectos turísticos, comerciais e industriais de ámbalas dúas cidades, así como sobre as posibilidades de relación entre ambos concellos e cámaras de comercio.

No encontro acordouse abrir vías de colaboración e redactar un documento para asinar un convenio que estableza relacións bilaterais. Cordobeses e composteláns departiron sobre as coincidencias industriais das dúas cidades, facendo especial fincapé na industria madeireira e nas posibilidades de colaboración co Centro Tecnolóxico Andaluz da Madeira, sito en Córdoba.

Ademais, tratáronse outros aspectos relacionados coa artesanía ou a orfebrería como fontes de producción e posibles intercambios comerciais, e falouse da posibilidade de asinar un convenio entre as cámaras de Cidades Patrimonio da Humanidade e os concellos das mesmas para potenciar de forma conxunta o turismo e a actividade empresarial.

Doutra banda, a presidenta da Cámara de Comercio de Córdoba anunciou a intención de celebrar a vindeira Comisión Mujer Empresa das cámaras de comercio españolas en Santiago este ano, co gallo do Xacobeo.

Posteriormente, a comisión compostelá visitou o parque Joyero, iniciativa exemplo de organización dun sector industrial que os visitantes consideraron de grande interese.

Compartir: