CULTURA

Cultura colabora co novo programa "Os nosos poetas a través da música"

13/04/2010 A Concellería de Cultura e Centros Socioculturais, colabora no programa Os noso poetas a través da música, que organiza a Asociación Cultural-Musical Solfa. Este programa, que comprende unha conferencia o mércores 14 e un concerto o venres 16 no Teatro Principal, buscar dar a coñecer os poetas galegos a través da música e poñer en valor o patrimonio do que somos donos.

A conferencia, que versará sobre a figura de Rosalía de Castro, celebrarase no Centro Sociocultural das Fontiñas mércores ás 19:30 horas e nela intervirán Francisco Rodríguez, escritor, gran coñecedor da figura de Rosalía, e Xosé Carlos Seráns, director e compositor. Seráns musicou a varios dos nosos poetas como Manuel María, Chao Rego, Marta Dacosta ou a propia Rosalía de Castro, e tamén fixo arranxos para banda de música de obras como Lela ou Negra Sombra. A idea é seguir facendo máis conferencias arredor dos poetas aos que se musicou e comezouse con Rosalía de Castro por celebrarse este ano o 125 aniversario do seu falecemento. A conferencia rematará coa interpretación, a cargo da coral de Solfa, dun dos poemas da escritora.

O concerto, dirixido por Xosé Carlos Seráns, será o venres 16, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, con entrada libre. Nel, a Banda de Música e a Coral de Solfa interpretará un programa composto por obras de Manuel María, Chao Rego, Marta Dacosta, Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro musicados por Xosé Carlos Seráns, Mato Hermida e Xoán Montes.

Documentos relacionados



Compartir: