XUNTA DE GOBERNO

Visto bo da Xunta de Goberno ao proxecto do aparcadoiro en Santa Marta

13/04/2010 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de acondicionamento de parcelas para aparcadoiro en Santa Marta. O custo é de 239.852 euros máis IVE. O Concello xa tiña adscrito á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) a superficie, xa que será esta a que execute o proxecto.

Esta superficie de 12.000 metros cadrados acondicionarase para convertela nun aparcadoiro de bordo para máis de 400 prazas. O estacionamento estará conectado coas rúas Feliciano Barrera Fernández, Julia Minguillón e As Trece Rosas. Daranlle servizo a esta bolsa de estacionamento catro liñas do transporte urbano: 1, 2, C2 e C4.

Este aparcadoiro vixiado funcionará dende as 7:30 ás 22:30 horas, de luns a venres laborables, e os sábados laborables dende as 7:30 ás 14:30 horas. Por unha tarifa xeral de 1,50 euros, o usuario poderá deixar o vehículo durante toda a xornada.

Educación
En materia de Educación, aprobouse a solicitar da Consellería de Traballo e Benestar a formular un convenio para a construción de dúas escolas infantís, situadas nos barrios do Castiñeiriño e Santa Marta. Ademais, aprobouse a cesión dunha parcela, cunha superficie de 3.266 metros cadrados á Consellería de Educación para atender as necesidades de ampliación do CEIP Roxos-Villestro.

Relacionado tamén co ámbito educativo, a proposta da Alcaldía, autorizouse o cambio de denominación do Campus Sur solicitado pola Universidade de Santiago. Pasará a chamarse Campus Vida.

Documentos relacionados



Compartir: