EDUCACIÓN E XUVENTUDE

"Santiago, cidade ilustrada" amosa o papel da cidade nas historietas ao longo dos anos

13/04/2010 As concellerías de Educación e de Xuventude, El Patito Editorial e a Fundación Gonzalo Torrente Ballester poñen en marcha Santiago, cidade ilustrada, un proxecto pedagóxico sobre a proxección de Santiago no cómic e na ilustración actual. O programa de visitas didácticas a esta mostra levarase a cabo ata o 30 de maio.

Fomentar unha cidadanía activa, achegar os escolares ao proceso de creación dun cómic, colaborar na posta en valor do patrimonio e axudar a adquirir unha sensibilidade estética son algúns dos obxectivos de Santiago, cidade ilustrada. Deste proxecto pedagóxico falaron en rolda de prensa a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro; e Gemma Sesar, de El Patito Editorial.

Santiago, cidade ilustrada é un proxecto expositivo que pretende amosar o protagonismo que a cidade de Compostela foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil e a historieta ao longo dos últimos anos. Historicamente, Santiago é modelo para unha extensa produción artística: dende as estampas de Pier María Baldi ata a obra de artistas contemporáneos como Xurxo Martiño, Quintana Martelo ou Romero Masiá; pasando por obras de Camilo Díaz, Urbano Lugrís, Villafínez ou Maside; sen esquecer a inxente produción anónima do gravado decimonónico. Sería case imposible facer un reconto das veces que a nosa cidade foi plasmada en lenzo ou en papel.

A exposición recolle unha ampla selección de debuxos orixinais que ilustran diferentes libros de literatura infantil e xuvenil destes últimos anos, no que se intenta amosar como Santiago segue a ser obxecto da interpretación dos artistas, pero interactuando con dúas formas narrativas de actualidade: a literatura infantil e xuvenil e a historieta.
Con este proxecto, Compostela aunará as dúas acepcións que abranguen o termo ilustración: por unha parte a de inspiradora e modelo de imaxes iconográficas, de ilustracións; por outra, a de xeradora de cultura, de ser en si mesma culta, ilustrada.

Os mellores ilustradores galegos están representados nesta mostra. Entre eles, Miguel Anxo Prado, Xaquín Marín, Manuel Uhía, Fernando Iglesias, David Pintor, Fran Bueno, Pepe Carreiro ou Fausto. A estes sumaranse outros artistas españois e estranxeiros, entre eles, David Roach ou Mike Deodato. Como moitos deles ilustran obras literarias, a listaxe de artistas verase incrementada coa de escritores e guionistas creadores de texto.

Unha visita didáctica en tres partes
Os destinatarios das visitas didácticas a esta mostra son os alumnos de 3º ciclo de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e postobrigatoria, pero tamén familias, asociacións xuvenís e calquera outro colectivo interesado en participar.

A visita didáctica á exposición organízase en tres partes. Nunha primeira, de presentación, explicaranse os centros de interese da exposición: Santiago como modelo de reprodución e interpretación artística da literatura infantil e xuvenil. Logo terá lugar a propia visita guiada pola Fundación Torrente Ballester e pola exposición. Finalmente, realizarase un percorrido pola cidade histórica.

A inscrición para escolares e grupos organizados farase enchendo o impreso correspondente e remitíndoo á Concellería de Educación. Para familias, a reserva será telefónica ou por correo electrónico.

Concellería de Educación
Te.: 981 554 400/401
Fax: 981 571 511
dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: