ALCALDÍA

Santiago e Córdoba confirman o seu irmandamento

12/04/2010 Os alcaldes de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e de Córdoba, Andrés Ocaña Rabadán, confirmaron o irmandamento das dúas cidades Patrimonio da Humanidade, subscrito no protocolo de 2004 en Compostela. No mesmo acto, os dous mandatarios realizaron unha declaración de cooperación entre as dúas cidades atendendo ás afinidades que as unen. A primeira mostra desta colaboración foi a sinatura dun documento polo que o Concello de Santiago apoia a candidatura de Córdoba para ser Cidade Europea da Cultura do ano 2016.

No acto da sinatura, Xosé A. Sánchez Bugallo puxo a disposición do Concello cordobés toda a experiencia adquirida por Santiago de Compostela na organización e desenvolvemento da celebración dos actos de Compostela Cidade Europea do 2000. Neste sentido, salientou os paralelismos históricos de multiculturalidade de ambas cidades, a súa proxección internacional e turística, o sentido da hospitalidade, os puntos de vista comúns en diversos aspectos da xestión, especialmente na conservación e recuperación do patrimonio, e os proxectos de "gañar o futuro sen renunciar a nada do pasado".

O alcalde de Córdoba, Andrés Ocaña, considerou que a declaración asinada é unha magnífica base de colaboración que lles vai servir de apoio e para intercambios en moitos aspectos xa que "nós miramos a Santiago de Compostela como un espello para levar adiante a nosa proposta co mesmo éxito desenvolvido no ano 2000 en Galicia". De seguido salientou que Córdoba vén de inaugurar unha sinalización en diversas estradas que, partindo da cidade califal, marca as rutas a seguir camiño de Compostela.

Colaboración académica
Antes deste acto, a delegación de Santiago mantivo unha xuntanza de traballo no rectorado da Universidade co rector da mesma, José Manuel Roldán Nogueras, e cos vicerrectores de Infraestruturas e de Coordinación Institucional. Nesta xuntanza, Sánchez Bugallo puxo de manifesto os aspectos comúns das dúas universidades, tanto tradicionais e institucionais como persoais. Ademais, asinou no libro de honra da Universidade.

O vicerrector da USC, Jesús Casabiell, falou das posibilidades de colaboración e cooperación entre ambas institucións docentes, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, explicou os obxectivos do programa europeo Santiago Une. Partindo deste proxecto, falouse da posibilidade de elaborar unha proposta de creación dun Consorcio de Cooperación para abordar os proxectos europeos de desenvolvemento.

Exposición Santiago une a Europa
O programa desenvolvido pola delegación compostelá, na que están presentes os voceiros dos tres partidos da corporación, Marta Álvarez-Santullano, Xosé Manuel Iglesias e Amelia González, así como José Luís Rodríguez Dacal, vicepresidente da Cámara de Comercio, continuou pola tarde coa inauguración da exposición fotográfica Santiago une a Europa na galería Patio Múdejar do Alcázar de los Reyes Cristianos, onde permanecerá aberta durante un mes. Segundo os responsables da institución, por este monumento pasan diariamente unha media de dúas mil persoas que terán a oportunidade de achegarse deste xeito a Santiago de Compostela e ter coñecemento da celebración do Ano Santo Xacobeo.

Neste mesmo marco, con presencia de representantes da Casa de Galicia en Córdoba, o catedrático de Historia Medieval da USC, Fernando López Alsina, pronunciou unha conferencia sobre Santiago e a súa relación histórica coa catedral.

Compartir: