MEDIO AMBIENTE

O parque de Galeras será o primeiro de Compostela en contar cunha zona cuberta para uso sociocultural

12/04/2010 "Un espazo sociocultural polivalente". Así definiu a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, a cuberta que o Concello vai instalar no parque de Galeras. A edil presentou o proxecto aos medios de comunicación acompañada de Cristina Ouzande e Cristina Ezcurra, as dúas arquitectas encargadas de elaborar o proxecto.

Elvira Cienfuegos manifestou "a vontade de Medio Ambiente de pór de relevo o valor dos parques e aproveitar ao máximo as súas potencialidades", destacando neste caso que "é sempre de interese contar nos parques con zonas de refuxio, para o descanso ou o abrigo", xa que "o clima chuvioso de Santiago facilita que os parques conserven o seu verdor, mais tamén dificulta a súa utilización". A organización de actividades nos parques está sempre condicionada ás previsións meteorolóxicas e máis dunha vez tiveron que ser aprazadas ou interrompidas pola choiva que pode reducirse a un escaso tempo. Por estas razóns "dende o Concello entendemos que é necesario incorporar aos parques algún espazo cuberto que permita acoller actividades ou resgardarse en caso de necesidade", engadiu.

O parque escollido para ser receptor desta infraestrutura cuberta é o de Galeras, que tal e como lembrou a concelleira, "foi inaugurado en 1999 e é un dos parques máis chás de Santiago, onde o Sarela recibe as augas do Corvo, con abundancia de árbores de 29 especies diferentes e unha rede de sendeiros". É un parque que adoita utilizarse para as actividades estivais, as que se inclúen no programa Vive o Verán ou no Festival dos Abrazos. Estas son algunhas das razóns que Elvira Cienfuegos destacou para "incorporar esta proposta de espazo multifuncional cuberto en Galeras, un modelo que funciona con éxito noutras poboacións de clima semellante, que será o primeiro de Galicia e que terá un custo de execución da obra de 258.000 euros, cun prazo de execución de 4 meses".

A cuberta de Galeras
O proxecto foi encargado a Ezcurra e Ouzande Arquitectura, que elaborou unha proposta que aproveita a orientación xeográfica da ubicación escollida para optimizar a funcionalidade do novo espazo. Cienfuegos describiu o proxecto como "novidoso, creativo, interesante", xa que "utiliza cores específicas para mellorar a integración no contorno, incorpora a madeira, un recurso renovable para facer acolledor o espazo, e utiliza o plástico reciclado, de alta calidade, como compoñente básico do mobiliario".

Das características técnicas da obra deu conta Cristina Ouzande, quen indicou que "o espazo cuberto será duns 400 metros cadrados, e para iso propomos un elemento de superficies curvas xeradas a partir de rectas, en definitiva un elemento singular, case unha escultura, pero que ao tempo sexa sutil e se integre no medio". A forma de paraboloides hiperbólicos escollida "procura conseguir un aproveitamento máximo do espazo a cubrir, que se presenta completamente diáfano e ademais é unha forma que permite xogar coa vexetación do entorno", en palabras da arquitecta, que tamén sinalou que "todo o mobiliario que se instalará será de material de plástico 100% reciclado e situarase nas zonas do piares, evitando así as limitacións de movementos por ser áreas de menor altura". En resumo, trátase "dunha cuberta que se integra no entorno, cunha forma case vexetal e con materiais de acabado que participan da natureza circundante".

Compartir: