ALCALDÍA

O proxecto Santiago-Une leva a Córdoba a unha delegación compostelá

09/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de varios concelleiros e de representantes da Universidade de Santiago e da Cámara de Comercio, estará en Córdoba os días 12 e 13 de abril, para continuar co plan de difusión exterior da cidade no marco do Programa Santiago-Une. A visita servirá tamén para ratificar o irmandamento de Compostela coa cidade andaluza.

Baixo o lema "O Camiño de Santiago, un Camiño de Valores" realizaranse diversos actos promocionais e encontros académicos e empresariais. Será tamén a oportunidade de devolver a visita que no seu día fixeran a Santiago os representantes de Córdoba e de ratificar o irmandamento con esta cidade.

As actividades comezarán coa reunión que o alcalde compostelán manterá na mañá do vindeiro luns, 12 de abril, co reitor da Universidade de Córdoba, José Manuel Roldan. A continuación, a delegación santiaguesa dirixirase ao concello de Córdoba, onde se celebrará o acto de sinatura da declaración de cooperación entre ambos municipios.

Ademais, o Concello de Santiago declarará a súa adhesión á cidade de Córdoba como candidata a Cidade Europea da Cultura en 2016. Rematados estes actos, o rexedor compostelán e o cordobés, Andrés Ocaña Rabadán, ofrecerán unha rolda de prensa. Xa pola tarde, na Galería Patio Mudéjar, Sánchez Bugallo, inaugurará a exposición Santiago une a Europa.

Na xornada do martes 13 de abril, o alcalde compostelán asistirá á reunión que a delegación institucional e empresarial de Compostela manterá con representantes cordobeses na Cámara de Comercio da localidade. Posteriormente, visitarán xuntos o Parque Joyero, o maior recinto de empresas do sector xoieiro de España e Europa, que agrupa empresas dedicadas á fabricación e comercialización de xoiería, ourivaría, bixutería e reloxería.

Esta é a terceira acción do proxecto Santiago-Une, tras as realizadas nas cidades italianas de Asissi, Perugia, Narni e Roma, e en Bruxelas (Bélxica).

Compartir: