ALCALDÍA

Un estudo analizará as consecuencias para o rural da modificación da Lei do Solo

09/04/2010 No prazo dun mes, o Concello procederá a realizar un estudo que analizará as consecuencias que para o rural terá a entrada en vigor o 21 de abril da modificación da Lei do Solo. As principais consecuencias virán derivadas da nova posibilidade de segregar as parcelas e da esixencia de un terzo de vivendas construídas para a consolidación do núcleo rural como tal, segundo avanzou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Existía o compromiso –recordou ao alcalde- de revisar as condicións para o rural establecidas polo PXOM unha vez modificada a Lei do Solo. Adiantándose ao compromiso de facelo antes de 2012, o Concello vai xa encargar o estudo no prazo dun mes, coa previsión de que á volta do verán estea listo e así "poder tomar decisións "orientadas e consensuadas".

O alcalde explicou que o novo marco lexislativo suporá consecuencias distintas segundo as parroquias ou núcleos rurais de que se trate. En particular, referiuse ás diferenzas da nova lei en canto á consolidación de núcleo rural. A anterior norma prevía que, para que un núcleo rural adquirira tal condición de núcleo, a consolidación debería ser de dous terzos, isto é, debería estar cando menos construídos dous terzos do número de vivendas máximas posibles. Coa modificación esta esixencia fixase só nun terzo.

A outra modificación consiste na posibilidade de que as parcelas do núcleo e da extensión do núcleo se poidan dividir. Este é un apartado que, segundo Sánchez Bugallo, convén tamén clarificar, no tocante a si se inclúen todas as parcelas, ou só as aínda non edificadas.

Delimitado o aforo da Catedral:1.650 persoas
Na súa rolda de prensa de resumo semanal, o alcalde compostelán tamén repasou os resultados da Semana Santa en canto ao control de aforo da Catedral. Entre o venres 1 e o domingo 4 pasaron polo recinto relixioso 64.711 persoas. O día de maior afluencia foi o venres 2, con 22.232 persoas. A hora con maior entrada de visitantes foi entre as 11:00 e as 12:00 horas do venres 2 de abril, con 2.274 persoas.

Á vista de todos os datos, acordarase que a capacidade da Catedral quedará fixada en 1.650 persoas ao tempo. Esta cuestión abordarase na reunión do Órgano de Coordinación de Seguridade do Xacobeo prevista para o 21 de abril. Alí avaliaranse os resultados destas probas de control do aforo e corrixiranse aqueles aspectos a mellorar, se ben "en canto ao operativo e á seguridade, todo funcionou ben", apuntou Sánchez Bugallo.

Sobre os resultados turísticos da Semana Santa, o alcalde amosouse "razoablemente satisfeito" cos datos de ocupación hostaleira. Non obstante, lamentou o mal tempo, porque "se a meteoroloxía tivera acompañado teríamos estado preto do 100% de ocupación".

Compartir: