CONSORCIO

Paul Daniel dirixe no Auditorio "A canción da Terra" para conmemorar o Ano Mahler

07/04/2010 A Real Filharmonía de Galicia celebra o xoves 8 no Auditorio de Galicia o ano dedicado ao compositor Gustav Mahler coa programación de A canción da Terra, na versión de Arnold Schoenberg para conxunto de cámara.

Xunto á orquestra actuarán a soprano Elena Zidkova e o tenor Peter Wedd, quen cantará en substitución de Robert Dean Smith, previsto no programa inicial pero que se viu obrigado cancelar por motivos de saúde. O principal director convidado da Filharmonía, Paul Daniel, será o encargado de dirixir o recital.

O programa previsto polo mestre Daniel inicia cunha pequena peza de Claude Debussy, Preludio á sesta dun fauno. A continuación soará A canción da Terra, unha das pezas máis coñecidas de Gustav Mahler, de quen este ano se lembra o 150 aniversario do nacemento.

A canción da Terra foi composta por Gustav Mahler nos últimos anos da súa vida. Escrita a modo de sinfonía, é un conxunto de poemas interpretados por soprano e tenor tirados de antigas poesías chinesas. Tal e como sinala Manuel del Río nas notas escritas para o programa de man, "durante o proceso creativo de A canción da terra a actitude de Mahler transformaríase cara a un estado de indescritible serenidade, como impregnado polo carácter místico oriental da obra. Así o testemuñaron tanto Arnold Schönberg como Bruno Walter ao velo no mes de setembro, tras o seu regreso das vacacións, cando xa completara o borrador do sexto e último movemento da partitura que nunca chegaría a escoitar. A estrea póstuma da obra, baixo a dirección de Bruno Walter, levaríase a cabo o 20 de novembro de 1911 en Múnic".

Toda a información do concerto e as notas ao programa pódese descargar das webs do Auditorio de Galicia e da Real Filharmonía.

Compartir: